«Daquela altura, escoitabamos á concelleira responsable da Área de Xuventude dicir no propio Pleno que o que estaba acontecendo era que se ‘remunicipalizaba’ o servizo e incluso que ‘en breve’ estaría aberto polas tardes, que non se ía perder ningún servizo e que ademais, con toda grandilocuencia, explicaba que ían levar a cabo un innovador plan, plan que aínda estamos esperando por el. Nin están dispoñibles a maioría dos servizos pola tarde (lembramos que nesta semana comezan as clases de secundaria e ciclos, polas mañás apenas haberá demanda de servizos), nin se remunicipalizou ningún servizo e dende logo non se están cumprindo os parámetros que marca a Carta Europea, onde se especifica que debe ser atendido por persoal especialmente formado para iso, debe ter un horario coas necesidades da mocidade e o propio centro debe esforzarse por alcanzar o maior número de mozos e mozas» explica Marga L. Barreiro, concelleira do grupo municipal da Marea de Vigo.
Marea de Vigo afirma que nas recentes lexislaturas gran parte do patrimonio e traballo multidisciplinar en políticas de xuventude está sendo «desmantelado dun xeito inexplicable». Dende a liquidación do programa «Súbete ao Castro», que xerou naquela altura numerosas queixas, non sendo substituído por ningún outro de xeito análogo, ao desmantelamento da Casa sa Xuventude e o ‘Punto Xove’ fai agora un ano. «Limitarse a expedir o ‘carné xove’ non pode ser considerado política activa de xuventude. É preciso un plan específico e volver a dotar á Casa da Xuventude tanto do persoal como dos medios neceasarios para volver a dar servizo a toda a mocidade que ata fai un ano acudía alí» conclúe Marga L. Barreiro.