O voceiro da formación, Rubén Pérez, culpou ademais do acontecido á batalla política que manteñen o alcalde da cidade, Abel Caballero, e a Xunta de Galicia. «Responsabilizamos a Abel Caballero por ter convertido o debate do transporte metropolitano nunha batalla electoral e á Xunta por retroalimentar esta actitude ao paralizar a constitución da área metropolitana», declarou.
Para o grupo municipal, os últimos acontecementos xudiciais arredor da cuestión do empadroamento para a obtención da Pass Vigo «lévannos ao punto de inicio, cando existía unha tarxeta verde que se entregaba de xeito indiscriminado e sufragándose exclusivamente polo Concello de Vigo, coa nula colaboración económica por parte da Xunta.»
Marea de Vigo segue a considerar polo tanto que a única solución vén, ou ben do recoñecemento asinado pola Xunta e o Concello no 2015 ou ben pola sinatura dun novo convenio entre ambas administracións.
Deste xeito a Xunta asumiría a maior parte do billete das persoas non empadroadas en Vigo e o Concello de Vigo seguiría facéndose cargo da bonificación das persoas empadroadas (80% Xunta e 20% Concello), evitando «as inxustizas que se están dando por exemplo con Concellos como o de Cangas, que paga parte da bonificación do transporte de ría, podendo ser empregado por unha viguesa ou vigués aínda que o Concello de Vigo non participe no transporte metropolitano que así o permite».
Pérez explica que ao seu xuízo o é correcto facer desde o Concello de Vigo unha bonificación ás persoas empadroadas e mantivo que hai moitos concellos, incluso gobernados polo PP, que así o fan. Con todo, para isto habería que contar coa alternativa do transporte metropolitano.
«O problema é que aquí non hai esa alternativa, a batalla xerada entre o goberno de Abel Caballero e a Xunta de Galicia fixeron imposible a súa existencia, e as consecuencias son que o Concello de Vigo, polo de agora, terá que facerse cargo do 100% das bonificacións, con independencia do empadroamento», concluíu.