O acto terá lugar ás 13.00 horas na porta de consultas do Álvaro Cunqueiro de cara a criticar estas situacións e mailo aumento dos pagos aos centros de “sanidade concertada”. “Baixo a premisa de que no verán hai menos demanda, o Sergas pecha 48 habitacións no Álvaro Cunqueiro durante tres meses, que, sumadas ás 180 camas pechadas no Hospital Meixoeiro veñen supoñer a escusa perfecta para a inxección de millóns de euros na sanidade concertada”, advirte a concelleira Marga López Barreiro.
Marea de Vigo pon como exemplo o feito de que o departamento dirixido por Jesús Vázquez Almuíña “elevou os pagos aos centros concertados case un 10%, alcanzando este ano a cifra de 203 millóns de euros”.
Neste sentido, Marea de Vigo súmase tamén á pregunta rexistrada pola Deputada de En Marea Eva Solla, onde, un ano máis, cuestiona “a nefasta xestión que a Consellería de Sanidade ten acostumado a levar a cabo nos meses de verán co peche de camas”.
Segundo explica López Barreiro, ademais das “escusas” como a baixada de demandas, “como se nos meses de verán as persoas non enfermaran”, outra causa que está orixinando esta situación é “a penosa política de persoal que leva a cabo o Sergas, neste caso non substituíndo ao persoal nos meses de verán”, feito que incrementa a problemática das listas de espera, e polo tanto, “aumenta a desviación de intervencións cara aos centros concertados.”