Así, Marea de Vigo cree que se a intención, tanto do goberno local como dalgúns hostaleiros da zona do Náutico, é a erradicación das estruturas fixas ancoradas a edificios, con todo o que elo implica e tal e como parecen expoñer; o único que teñen que facer é aplicar e aplicarse a si mesmos a ordenanza actual, e por iso insta a ambos a facelo sen máis demora.
«Resulta dobremente indecente que ademais o fagan amparándose en que a ordenanza existente é demasiado antiga, sendo perfectamente válida se se fixera cumprir. Mellorala sería o óptimo, mais no pleno onde se aprobaron as ordenanzas, o Goberno Municipal negouse a facelo», sinalan nun comunicado.
Así, lembra que o texto da actual ordenanza di que o que as instalacións autorizables son “instalacións formadas por mesas, cadeiras, parasois, toldos, xardineiras e outros elementos de mobiliario urbano móbiles e desmontable”
Ademais, no seu apartado de sancións, pon que “a instalación de terrazas sen a preceptiva autorización ou sen axustarse ás condicións da licenza, dará lugar a inmediata orde de retirada que, de non ser executada voluntariamente polo interesado, executarase subsidiariamente polo Concello, a custa do obrigado, sen prexuízo das sancións que proceda impoñer», engade Marea.
Alén disto, insiste en que hai normativa con respecto a conservación do patrimonio, que tamén afecta nesta materia e, do mesmo xeito, se pode facer cumprir, tal e como xa o pediu o grupo municipal da Marea de Vigo no pleno do Concello do pasado mes de abril, onde preguntaba, neste caso, sobre o que estaba pasando no Edificio Mülder (Pablo Murillo con Montero Ríos), onde a terraza que se atopa alí está ancorada a un edificio catalogado, quedando ademais a placa conmemorativa do arquitecto dentro da terraza pechada.
En teoría, e en cumprimento da legalidade, «agora mesmo multitude de sancións deberían ter sido interpostas, non soamente de oficio, senón que, tal e como lle consta ao grupo municipal da Marea de Vigo, froito das denuncias que a veciñanza da zona leva feito dende hai anos». Descoñecendo o resultado, a Marea de Vigo precisamente preguntou por isto no pasado pleno, quedando á espera da contestación por escrito.
Por todo isto, Marea de Vigo pide ao goberno local «un pouco de seriedade, que non se ría das e dos veciños da zona, das e dos hostaleiros que si cumpren as normas e en definitiva de toda a cidadanía viguesa que non se merece tal manipulación da realidade».
De igual forma, considera que «se por parte do goberno municipal houbera vontade de arranxar esta cuestión a través da modificación de ordenanza, o lugar e o momento adecuado tería sido hai dous meses, cando se aprobaron as ordenanzas para o 2017, no mesmo momento no que se lle contestou a Marea de Vigo que agora “non tocaba” modificar esta ordenanza».