Rubén Pérez, voceio da Marea, sinalou que “os últimos datos de desemprego xuvenil amosan que precisamente é a xuventude un dos sectores que máis políticas públicas precisan para paliar este feito, ademais da necesidade de ofrecer alternativas tamén no eido do ocio e lecer”
O grupo municipal da Marea de Vigo explica que non foi quen de conseguir información sobre o futuro dos servizos xuvenís, mais aló do cese da xestión actual, denunciado encarecidamente polo cadro de persoal dos centros en cuestión, ao non sacar a concurso a xestión dos centros ou prorrogar o servizo.
Para aa Marea de Vigo resulta «especialmente chamativo que, o mesmo día no que as 6 traballadoras da Casa da Xuventude e o Punto Xove perdían os seus empregos, o Goberno Municipal presentaba en Xunta de Goberno Extraordinaria unha petición de subvención á FEMP para a contratación dunha persoa técnica destinada a este servizo, onde se describe con minuciosidade a importancia que ten, na nosa cidade, a oferta de servizos á xuventude».
«E máis chamativo aínda cando, o documento utilizado para a xustificación da solicitude da subvención ten o mesmo contido que a memoria feita polas traballadoras cando se solicitou a prórroga do servizo», engade Rubén Pérez.
Este martes, e en base ao actual Regulamento Orgánico do Pleno do Concello de Vigo, o grupo municipal da Marea de Vigo rexistrou unha nova moción de urxencia cara ao Pleno que terá lugar o mércores.
Para a Marea de Vigo, o que está acontecendo coa Casa da Xuventude e o Punto Xove, responde «a mesma falta de vontade política deste Goberno Municipal sobre certos servizos e cuestións que deben considerar non aportan rédito electoral ao seu proxecto político».
“Neste caso tocoulle a Casa da Xuventude e o Punto Xove, e en definitiva, á xuventude viguesa, do mesmo xeito que, cando, fai xa dous anos, aniquilouse o programa “Súbete ao Castro”, que non foi substituído por ningún outro programa cun nivel similar de usuarias e usuarios”, explica Rubén Pérez.