«Xa hai anos que a asociación cultural do Casco Vello Alto identificaba a necesidade de programar actividades e dotar ao barrio de vida cultural que fose parella ao proceso de rehabilitación, mesmo a idea de facer do barrio alto un barrio das artes ou da mocidade creadora quedou nun baleiro fronte ao inmobilismo das administracións», afirma o voceiro de Marea de Vigo, Rubén Pérez.
Considera a Marea que a marcha dun coñecido fotógrafo que tiña unha tenda-galería no barrio «é sen dúbida un feito que ten que activar xa ao Consorcio do Casco Vello, posto que estes locais estaban promovidos e ofertados por ese ente».
En canto ao recente anuncio por parte do Goberno Municipal sobre o acceso ao barrio, «unha entrada ao barrio alto presidido por un Castelo de San Sebastián en mal estado e cunha zona de aparcadoiro e contedores desordenada non é a mellor presentación turística do barrio, sendo necesaria a reordenación do acceso dende a rúa Pracer. Un plan de reordenación que conecte a Praza do Rei coa entrada superior ao barrio é absolutamente necesario», argumenta Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.