Pérez lembrou que no Plan de Realización dos traballos de revisión do PXOM de Vigo, presentado pola empresa concesionaria dos mesmos, OPSA-SEPIA, veñen establecidas as distintas fases de redacción, a primeira complementada en decembro de 2018 presentando a metodoloxía e primeiro documento de diagnose socio-económica, e sete meses despois a segunda fase, consistente na elaboración da solicitude do procedemento, o documento inicial e o borrador do plan, “documentación sobre a que ata o día de hoxe non temos coñecemento”.
A data de presentación do devandito documento é no mes de xullo de 2018; máis dun ano despois, os grupos municipais descoñecen o estado de redacción do Plan e soamente o luns “tivemos coñecemento de parte do mesmo por un medio de comunicación que informou das zonas verdes previstas no documento”, sinalou Rubén Pérez. “Este documento é determinante – proseguiu – xa que establece os contidos e obxectivos que rexerán a Avaliación Ambiental Estratéxica, aspecto que motivou a anulación do PXOM de 2008 e que non poden ser tomados á lixeira”.
Marea de Vigo lamenta que finalmente non se apostase por un proceso participativo previo para o diagnóstico socio-ambiental, económico e territorial do modelo de cidade que queremos e especialmente da Memoria Informativa do mesmo xa que “nin grupos municipais nin sociedade civil puideron aportar nesta fase”.
Do mesmo xeito, segue a reclamar a participación aberta e horizontal cidadá, un proceso transparente en todos os procesos de elaboración do PXOM, a articulación dun Consello sectorial municipal de seguimento e a constitución dunha comisión municipal específica alén do Consello da Xerencia de Urbanismo.