Abel Caballero e Pedro Saura, secretario de Estado de Infraestruturas, Transporte e Vivenda, rubricarán o acordo polo que o Ministerio achega 626.000 euros e o Concello 208.000 cun importe total de 835.000 euros para a remodelación da muralla do século XVII.
Segundo expuxo o rexedor, o obxectivo é abordar a restauración e consolidación do monumento en tres liñas principais: as intervencións de conservación e recuperación de elementos propios da fortaleza, a reorganización da accesibilidade ao monumento empregando a Porta Norte e a integración da fortaleza na paisaxe urbana a través da iluminación e a reestruturación da masa forestal circundante «facéndoa compatible coa integración da fortaleza na cidade», un aspecto que destacou o alcalde.
O obxectivo é restaurar, consolidar e poñer en valor as murallas do Castro que datan do século XVII e que formaban parte dunha fortaleza defensiva. O actual estado de conservación é moi deficiente e require importantes obras de mellora en tres liñas principais.
Expropiacións para o Centro Vialia
Doutra banda, o próximo xoves, a Xerencia de Urbanismo aprobará o proxecto de expropiación por urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar o proxecto integrado Centro Vialia Estación de Vigo (fase I). Trátase, explicou Caballero, do inicio do expediente para someter a información pública por prazo de quince días a relación das sete fincas afectadas nesta primeira fase da actuación.