Abel Caballero recibiu o luns a chamada do director xeral da Tesourería da Seguridade Social, Francisco Javier Aibar, quen lle comunicou que xa asinara a cesión de balde ao Concello do antigo ambulatorio de Teis, en Enrique Lorenzo.
O alcalde, quen valorou esta «gran nova» para Teis e para a cidade», avanzou que a cesión debe ser rubricada pola ministra para logo volver á Dirección Xeral e pasar a ser titularidade municipal, «dentro duns días». Abel Caballero xa deu instrucións ao concelleiro de Patrimonio e Fomento, Javier Pardo, para preparar a recepción da propiedade e encargar «hoxe mesmo» a elaboración dun proxecto que converta o recinto en biblioteca.
Caballero recordou que o Concello viña reclamando desde hai tempo a cesión gratuíta deste antigo centro de saúde, sen uso desde hai máis dunha década. O goberno de Vigo solicitárao ao anterior goberno de Rajoy en novembro de 2017, quen o rexeitou e propuxo unha compra. O alcalde definiu esta resposta como un «disparate» e un «tratamento asimétrico» pois a Seguridade Social viña de ceder o antigo Hospital Xeral á Xunta de Galicia de balde.
En xaneiro deste ano, engadiu o rexedor, volveu tramitar a petición ante o anterior Goberno de España, novamente rexeitada. Posteriormente, a entón ministra, Fátima Báñez, aseguroulle ao alcalde que faría o posible para a cesión, pero «nin sequera moveron un papel», afirmou Caballero, quen denunciou «presións continuas» de Feijóo en contra da pretensión viguesa.
Xa co novo executivo, o 21 de agosto Abel Caballero reiterou a petición municipal, que este luns foi contestada afirmativamente. «Xa temos o visto bo», expuxo o alcalde con satisfacción e está «en marcha» o proxecto para facer en Teis «unha das grandes bibliotecas de Vigo».
A de Teis sumarase á biblioteca Neira Vilas, aberta en 2011 polo goberno dirixido por Abel Caballero, e á sala do Auditorio Mar de Vigo, en funcionamento desde maio do pasado ano cuns 400 postos. O Concello prevé ademais abrir na próxima primavera unha nova sala de lectura-biblioteca en Navia, segundo avanzou o alcalde.