11122019Mié
Última edición: Mar, 10 Dic 2019 9pm

A Universidade de Vigo, primeira de Galicia e cuarta de España con salas de lactación

Catro espazos xa están operativos en Vigo e Pontevedra e en próximos días abrirase outro en Ourense

14 Noviembre 2019 por
Valora este artículo
(1 Voto)
A sala de lactación. / Foto: DUVI A sala de lactación. / Foto: DUVI

Catro salas de lactación, dúas no campus de Vigo e outras tantas no de Pontevedra, pon en servizo a partir deste xoves a Universidade de Vigo, que ademais en vindeiros días sumará unha quinta no campus ourensán. Estas cinco salas nos tres campus están destinadas a favorecer que as traballadoras e estudantes poidan continuar coa lactación materna cando se incorporen ao seu posto tras o nacemento das súas fillas e fillos.

Deste xeito, a Universidade de Vigo convértese na primeira de Galicia e na cuarta de España -tras Murcia, Valencia e Sevilla- en habilitar uns espazos que tanto a Organización Mundial da Saúde (OMS) como a Lei de Prevención de Riscos Laborais recomendan en empresas nas que traballan máis de 1000 persoas.

“A sociedade ten que evolucionar cara un mundo mellor e é preciso que as mulleres atopen o seu lugar profesional e todas as medidas que podamos poñer en marcha para favorecer a conciliación farán unha sociedade máis xusta e feliz”, asegura o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que se refire a esta iniciativa como “un paso pequeniño, pero significativo”.

O edificio Filomena Dato e o Cinbio (Centro de Investigacións Biomédicas) albergan no campus de Vigo as salas de lactación, que en Pontevedra se localizan na Escola de Enxeñaría Forestal e na Facultade de Belas Artes, mentres que no campus de Ourense a sala se situará na Biblioteca Rosalía de Castro. “Grazas a axuda da tenda de crianza natural Gaia dos Nenos e co apoio das nosas bolseiras, identificamos os elementos fundamentais para montar as salas (coxíns e cadeiras para lactación; cambiadores; cortinas; neveiras, etc.), tanto para dar peito ‘in situ’, como para extraer leite e acabar coa penosa experiencia de moitas traballadoras da Universidade que tiñan que ir aos baños, algo que producía moitas incomodidades, estrés e pouca garantía de seguranza e hixiene”, detalla Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade, que agradece a implicación na iniciativa do vicerreitor de Planificación e Sostenibilidade, José Luis Míguez; dos directores de área dos tres campus, “ademais do apio incondicional do reitor”, explica. Reigosa amósase convencido de que o exemplo será seguido por outras universidades españolas “que creo que están preocupadas polos temas de conciliación e de igualdade e pouco a pouco iranse implantando en todas as institucións publicas e que tanto nestas, como nas privadas, haxa no futuro máis facilidades para a conciliación”, asegura o reitor da Universidade de Vigo.

Reigosa e Gómez participaron este mediodía na inauguración das salas de lactación do campus de Vigo, xunto ao vicerreitor de Planificacion e Sostibilidade, José Luis Migúez e á vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama.
polactacion2
Unha iniciativa que comezou no despacho da exdirectora do Cinbio
A posta en servizo das salas de lactación que hoxe se inauguran ten a súa orixe hai case un ano, cando traballadoras do edificio de Ciencias Experimentais, que alberga as facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química, e do Cinbio trasladaron á Unidade de Igualdade a necesidade de dispor un espazo para poder extraerse leite ao estar a dar lactación ás súas fillas e fillos. “Nese intre a directora do Cinbio, África González, cedeu xenerosamente o seu despacho para garantir esa privacidade a esas investigadoras e dalgún xeito resolver ese déficit da nosa institución”, explica Águeda Gómez.

Co obxectivo de converter a Universidade “nun espazo de traballo sostible coa vida, tanto para as súas traballadoras e alumnas, como da súas crianzas”, a Unidade de Igualdade comezou un traballo que dez meses despois cristalizou na posta en servizo de cinco salas de lactación, que a directora da Unidade de Igualdade estima que terán un uso constante. “As institucións cegas ao xénero invisibilizan as necesidades das mulleres que parimos, menstruamos, damos de mamar, etc, polo que estas salas na nosa Universidade rompen cun paradigma que lle daba as costas ‘á vida’ no seu sentido máis humano”, asegura Águeda Gómez.
polactacion4
Espazos para a lactación recomendados pola lei
Coa posta a disposición da mulleres da comunidade universitaria destas salas de lactación, a Universidade de Vigo atende ás leis e recomendacións que sobre lactación materna realizan distintos organismos. É o caso da OMS que recomenda que as e os lactantes reciban lactación exclusivamente materna durante os primeiros seis meses de vida e que tamén é esencial para o logro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). “É importante cumprir coa Lei de Prevención de Riscos Laborais e coas recomendacións da OMS, para non nos converter unha institución que desincentiva a lactación materna, para que nunca máis unha muller da Universidade que opte pola lactación se vexa obrigada a abandonala por motivos laborais”, sinala Águeda Gómez, que considera que con esta medida “humanizamos a nosa universidade”.

A Escola de Enxeñaría Forestal e a Facultade de Belas Artes acollen as dúas salas de lactación habilitadas no campus de Pontevedra. O reitor e a directora da Unidade de Igualdade Águeda Gómez, participaron tamén este mediodía na inauguración do espazo habilitado na planta baixa da EE Forestal, xunto ao vicerreitor de campus, Jorge Soto; a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; o director da Área de Infraestruturas do campus, José María Cancela; o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto; e o director da EE Forestal, Juan Picos.

Dotada de cadeiras e coxíns para lactación, un cambiador, neveira, microondas e dispensador de auga, trátase “dunha instalación positiva para o campus e tamén para o centro”, salientou Picos, quen incidiu en que, trala súa posta en servizo nesta xornada, “o que toca é promover que se use e melloralo coas suxestións das usuarias”. De feito, este acto serviu tamén para dar a coñecer este espazo ao persoal de administración do campus. Xunto a este espazo, tamén se habilitou unha segunda sala de lactación en Belas Artes, emprazada a carón do Decanato. Trátase, como explica Cancela, dunha sala que xa dispuña de servizos como neveira e microondas e que se habilitou para este uso dotándoa dun cambiador e coxíns de lactación.lactacion4

Inicia sesión para enviar comentarios

medio ambiente

navidad

  • Últimas noticias

  • Más leído