11112019Lun
Última edición: Lun, 11 Nov 2019 7pm

A Xunta contratará en 2020 as obras de mellora do saneamento de Teis

A conselleira de Infraestruturas mantivo unha xuntanza cos veciños do barrio, que lle pediron acometer a “reforma integral” da Avenida de Galicia

23 Octubre 2019 por
Valora este artículo
(3 votos)
A reunión mantida este mércores. / Foto: Xunta de Galicia A reunión mantida este mércores. / Foto: Xunta de Galicia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo este mércores unha reunión con representantes da Asociación de Veciños de Teis, aos que lle trasladou que a Xunta de Galicia está a ultimar a redacción do proxecto de mellora do saneamento nesta parroquia co fin de contratar o vindeiro ano estas obras, que suporán un investimento dun millón de euros.

Vázquez subliñou que os orzamentos da Xunta de 2020 reservan unha partida de 250.000 euros para avanzar neste proxecto hidráulico con carácter estratéxico para os veciños desta contorna.

O sistema de saneamento de Teis, conformado por unha extensa rede de colectores e varios bombeos que finalizan na depuradora, presenta deficiencias. Neste sentido, un estudo previo detectou problemas de infiltracións, que provocan unha sobrecarga continua na rede, o que incide na calidade das masas de auga costeiras na contorna da EDAR.

Unha vez realizada esa primeira inspección da rede actual, para identificar esas zonas máis problemáticas, priorizaranse en coordinación co Concello e con Aqualia actuacións en dúas zonas concretas.

Por unha parte, cómpre actuar na baixada a ríos, onde actualmente hai rede separativa pero na que se filtra unha gran cantidade de auga do río Paraixal. Isto, sumado ao caudal en tempo de chuvia, provoca algunha enchente na zona baixa próxima á desembocadura, nas inmediacións das instalacións da factoría de MetalShips. A conselleira indicou que a solución para este caso para pola construción dunha nova rede de pluviais e a mellora da rede de fecais. 

A segunda zona que é preciso priorizar corresponde co colector do río Paraixal, construído en paralelo ao leito do río e, en ocasións, baixo o propio leito. Neste colector prodúcense importantes infiltracións, polo que se podería acometer un novo colector, de material plástico ao obxecto de reducir as infiltracións na rede.

Reforma da Avenida de Galicia
Pola súa banda, a asociación veciñal solicitou da Consellería de Infraestruturas a reforma integral da Avenida de Galicia (PO-323), estrada de titularidade autonómica. A Xunta realizou unha primeira fase na parte da vía que pertence a Chapela no ano 2017, ficando pendente a actuación no barrio de Teis.

Os veciños pediron que esa remodelación deberá reforzar a seguridade viaria, renovar as beirarrúas e mellorar a totalidade dos servizos urbanos: abastecemento, saneamento, alumeado, canalizacións eléctricas...

Vázquez comprometeuse a redactar o proxecto de reforma da Avenida de Galicia pero sinalou a necesidade de que o Concello de Vigo se comprometa a cofinanciar a actuación. 

Inicia sesión para enviar comentarios

ponteareas

navidad

  • Últimas noticias

  • Más leído