09122019Lun
Última edición: Lun, 09 Dic 2019 6pm

orzamento autonómico 2020

Estación e sede xudicial serán as grandes partidas da Xunta para Vigo en 2020

As contas incorporan tamén novos proxectos como o Centro de Saúde Olimpia Valencia, o centro de atención a maiores na ETEA e a ampliación do Ifevi

19 Octubre 2019 por
Valora este artículo
(2 votos)
Cidade da Xustiza. Cidade da Xustiza.

Cidade da Xustiza, Estación Intermodal de Urzaiz, Centro de Saúde de Bouzas e albergue de peregrinos do Berbés son as catro grandes partidas que figuran nos Orzamentos da Xunta para Vigo en 2020. Ademais, incorpora novos proxectos como o CIS Olimpia Valencia, a ampliación do Ifevi e o centro de maiores da ETEA.

As contas da Xunta de Galicia para 2020 recollen un total de 15,7 millóns para a nova Cidade da Xustiza -custe total de 40 millóns de euros-; outros 9,5 millóns consignados -dos 16 millóns comprometidos pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade- para a execución da nova estación de autobuses intermodal en Urzaiz e a parte dos accesos acordados; 1,1 millóns de euros para a construción do centro de saúde de Bouzas, e 750.000 euros que se destinan no 2020 ao albergue de peregrinos proxectado no casco vello de Vigo, nunha actuación que se dispara ata os 1,2 millóns de euros.

A delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, informou este sábado de que a estas partidas haberá que engadir a recentemente anunciada ampliación do Ifevi, cun custe estimado de preto de 4 millóns de euros, e a lonxa de Canido, dixo, contará con 275.000 euros para a súa reconstrución.

Tamén fixo mención ao recente anuncio do Centro Integrado de Saúde Olimpia Valencia que Sanidade proxecta no edificio que agora alberga os xulgados na rúa Lalín. Segundo apuntou, por unha banda permitirá substituír os centros sanitarios de López Mora e Nicolás Peña e, por outra, incrementar os servizos que actualmente se prestan á poboación coa posibilidade de incorporar algúns elementos do centro de saúde Pintor Colmeiro. Deste xeito, resumiu que o futuro Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia unificará a atención sanitaria do barrio de As Travesas de Vigo e que recibe no 2020 unha dotación de 150.000 euros para a redacción do proxecto.

Outra das actuacións estrela que non deixou pasar a oportunidade de citar é o novo centro público de atención integral ás persoas maiores que se construirá na ETEA e que contará con 150 prazas e a creación de 144 novos empregos na cidade. En este mesmo ámbito, Corina avanzou que se desenvolverá un importante proxecto de dotacións deportivas por parte da Secretaría Xeral para o Deporte.

Asemade, recordou o recente compromiso do presidente da Xunta cunha nova ampliación do Ifevi cuxo custe, estimado nuns 4 millóns de euros, asumirá integramente o Executivo autonómico. “Nos orzamentos inclúense 100.000 euros á espera de concretar o orzamento final”, matizou.

“Máis sanidade, máis educación e máis gasto social”, subliñou, para falar dos 7 millóns de euros que se recollen para a envolvente térmica do Meixoeiro e 1,1 para as unidades de mama, medicina nuclear e radioterapia. Neste sentido, recordou que este centro sanitario recibiu nos últimos anos un investimento de 36,5 millóns. Tamén fixo referencia ao millón de euros consignado para a reforma completa da residencia xuvenil Altamar ou a partida destinada á remodelación integral do IES Santa Irene, cuxa execución ascende a preto dun millón de euros.

Vivendas
Especial fincapé fixo nas partidas destinadas a Vigo por parte da Consellería de Medio Ambiente, como os 6 millóns de euros consignados para San Paio de Navia no exercicio do vindeiro ano, ou os máis de 5,5 millóns que permitirán dar un pulo definitivo ás obras de vivendas protexidas que a Xunta está a construír nas rúas Canicouva (26 VPP) e Ignacio Grobas (36 VPP), incrementando así o parque de vivendas públicas propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

Preto de 12 millóns de euros, aos que hai que sumar os 3,47 en apoio á recuperación de inmobles nas Áreas de Rehabilitación Integral da cidade que se certificaron ao longo deste 2020 e os 1,6 millóns de inxección directa ao Consorcio Casco Vello por parte do IGVS. Unha partida esta última que, segundo recordou a delegada, poderá verse incrementada en función das necesidades.

Porro tamén mencionou os 2,6 millóns de euros que permitirán rematar a urbanización da primeira fase do proxecto estratéxico da Plisan. “O obxectivo é ofrecer as maiores facilidades ás empresas para que se instalen en Galicia como principais promotoras da creación de emprego”, dixo, para informar que os sobres coas ofertas das compañías interesadas en instalarase abriranse o vindeiro luns.

Por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, puntualizou que a electrificación do novo modelo da K9 do grupo PSA en Balaídos recibe unha partida de 1,9 millóns de euros, dos 5 millóns cos que contará en apoio o sector da automoción ata o 2021. Por outro lado, para o HUB de Innovación Dixital liderado polo Ceaga para achegar ás pemes as tecnoloxías asociadas a fábrica do futuro os orzamento recollen 2,5 millóns de euros. Asemade, sinalou que Vigo recibe importantes partidas para a formación e o fomento do emprego, a través das distintas liñas de apoio das diferentes consellerías.

Xa no ámbito do Medio Rural, a maiores dos distintos proxectos de dinamización do eido rural e de arranxo de camiños (259.000 euros), a representante autonómica fixo referencia á creación na contorna da cidade de Vigo dun bosque periurbano. Unha actuación na que, recordou, vanse investir 1,4 millóns de euros.

Pistas de atletismo
En canto a Secretaría Xeral para o Deporte, Corina Porro subliñou que Vigo é a cidade galega que máis inversión recibe da Xunta, preto de 900.000 euros anuais. Asemade, engadiu, neste eido incorpóranse dúas actuacións de especial relevancia para a cidade, como o son as pistas de atletismo de Balaídos e dotacións deportivas na Etea.

Inicia sesión para enviar comentarios

medio ambiente

urbanismo

navidad

  • Últimas noticias

  • Más leído