14112019Jue
Última edición: Jue, 14 Nov 2019 6pm

A catedrática Esther Pillado, primeira muller valedora universitaria na UVigo

O Claustro elixiuna con 63 votos a favor e un en branco para suceder a Argimiro Rojo

16 Octubre 2019 por
Valora este artículo
(1 Voto)
Esther Pillado. / Foto: DUVI Esther Pillado. / Foto: DUVI

A catedrática da Área de Dereito Procesual Esther Pillado converteuse na primeira muller en asumir o cargo de valedora universitaria na UVigo. O Claustro elixiuna con 63 votos a favor e un en branco para suceder a Argimiro Rojo, que abandonou o posto por xubilación este verán.

Pillado, que fora secretaria xeral da Universidade de Vigo durante o mandato de Alberto Gago entre 2006-2010, é docente do Departamento de Dereito Público, do que é directora e, dende comezos deste ano, é tamén vocal permanente da Comisión General de Codificación, adscrita á Sección de Derecho Procesal, sendo a única representante das universidades galegas neste órgano de asesoramento á ministra de Justicia.

A proposta do seu nomeamento xurdiu dun consenso amplo, xa que como explicaba o reitor, Manuel Reigosa, “ocupou moitos postos de relevancia no servizo á comunidade universitaria, é unha persoa completamente envorcada coa Universidade”. Tamén o profesor Emilio Fernández explicou que no proceso de negociación se buscou “unha persoa que reúna unha serie de características como contar cun coñecemento moi amplo da Universidade e que xere respecto por parte da maioría da comunidade universitaria; a profesora Esther Pillado pode ser unha excelente valedora da Universidade e, o feito de que sexa a primeira muller en ocupar este cargo, é tamén un valor engadido”.

Para Esther Pillado, o desempeño do cargo de valedora universitaria “supón un reto persoal e profesional importante que me permitirá aplicar na Universidade toda a miña experiencia na xestión e resolución de conflitos de forma pacífica”. E é que a súa traxectoria está moi ligada a este eido, sendo por exemplo, presidenta da Institución de Mediación e Arbitraxe, MedyArb, que ofrece medios alternativos á vía xudicial para a resolución de conflitos, en especial a mediación e a arbitraxe. Neste sentido, remarca a súa posta a disposición de toda a comunidade universitaria “para facer da nosa Universidade un espazo máis xusto e máis igualitario” e reafirma o seu compromiso na “defensa dos dereitos e liberdades de todos e todas nós”.

A etapa que agora arranca para a catedrática estará marcada, segundo ela mesma explica, pola súa firme convicción de que “a mellor forma de afrontar unha disputa ou unha visión distinta dunha situación que xera tensións é a través do diálogo e, por ese motivo, empregarei a mediación e a conciliación como ferramentas indispensables para evitar que o exercicio dos seus dereitos e liberdades por parte dun membro da comunidade universitaria se converta nun ataque ou unha limitación dos dereitos e liberdades dos demais”.

Respecto do contexto no que vai desenvolver este cargo, a catedrática lembra que as universidades pasaron nos últimos anos procesos de cambio como a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, a introdución de sistemas de calidade ou o contexto de crise económica “que trouxo consigo restricións orzamentarias e a aprobación de modificacións legais que incidiron de xeito directo nos dereitos dos distintos colectivos que forman a comunidade universitaria”. Neste escenario, puntualiza, dende a posición de valedora, “independente e imparcial, estarei nunha posición privilexiada para corrixir ou mellorar esas situacións, en especial das persoas máis vulnerables, trasladando aos membros do equipo de goberno as medidas máis adecuadas para garantir os dereitos e liberdades dos diferentes colectivos que integran a nosa Universidade”.

Ademais, tamén se vai proceder á substitución dun órgano colexiado, o Tribunal de Garantías, por un órgano unipersoal, a valedora universitaria. “Isto suporá un replantexamento da función que vou desempeñar e unha nova configuración”, recoñece Pillado.

A mellor matrícula en primeiro dos últimos sete cursos
Nesta sesión ordinaria do Claustro, o reitor tamén presentou os datos provisionais de matrícula de estudantes de novo ingreso. “A pesar de que se presentaba como un ano complicado polas baixas cifras de estudantes que accedían aos sistema universitario este curso”, remarcaba, a taxa de ocupación en primeiro, a falta de pechar o derradeiro pazo, é do 101,6%. En Ourense ofertábanse 908 prazas e cubríronse 891 (98%); en Pontevedra 793 e cubríronse 814 (120,6%) e en Vigo cubríronse 2026, cando se ofertaban inicialmente 1970 (102,8%).

E é que a pesar de que quedan vacantes en varias titulacións, outras matricularon máis estudantes dos previstos, ao coincidir as notas de corte. Así, o reitor remarcaba que se trata da “mellor cifra de matrícula en primeiro dos últimos sete” e felicitaba a graos como Historia e Dirección e Xestión Pública, que conseguiron acadar o mínimo esixido de estudantes matriculados. Reigosa avanzou tamén que nos estudos de mestrado a taxa de ocupación provisional é do 77,4%, polo que reflexionou sobre a necesidade de “darlle unha repensada á oferta e facer algunhas apostas adicionais, porque temos capacidade para coller máis estudantes”.

Aforro enerxético e enerxías renovables
No seu informe, o reitor fixo un balance positivo da experiencia piloto do peche das instalacións dos tres campus durante parte do mes de agosto. “Tratábase non só dun aforro económico de 15.000€”, senón dun aforro en pegada ecolóxica, xa que se evitou a emisión de 58 toneladas de CO2 á atmosfera, “o equivalente a 122 vivendas unifamiliares durante un ano”, polo que a aposta do equipo de goberno é manter esta medida ou mesmo ampliala.

Entre outros temas, Reigosa avanzou que se está a desenvolver un plan para ampliar o uso de enerxías renovables nos tres campus, fotovoltaica principalmente en Vigo, xeotérmica en Ourense e biomasa en Pontevedra. As actuacións comezarán en 2020 e permitirán reducir o “gasto en enerxía eléctrica e amosar o compromiso da institución na loita contra o cambio climático”. Tamén explicou ao Claustro que se está a traballar no novo prego de condicións para adxudicación do servizo de reprografía e confirmou, a preguntas dos claustrais, que se estudará a posibilidade de que a nova empresa adxudicataria manteña aos traballadores.

Novas titulacións
Manuel Reigosa fixo referencia no seu informe ao acordo que no mes de xullo acadaron as tres universidades e a Xunta sobre as novas titulacións, como contrapartida ás queixas da UVigo pola implantación de Robótica en Lugo. Grazas a este acordo, remarcaba Reigosa, Vigo engade á súa oferta o Grao Dual en Tecnoloxía da Automoción e o Grao en Relacións Internacionais, que será interuniversitario entre o campus de Ourense e o de Ferrol. Ademais, no curso 2020-2021 comezará a simultaneidade do Grao en Enxeñaría Mecánica e o Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática no campus vigués.

Tamén lembrou que o Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, a pesar de non acadar o número mínimo de matrícula, se seguirá a impartir mentres non se reformule. O reitor engadía, por outra banda, que “grazas a este acordo, a implantación do novo Grao en Deseño e Creación en Pontevedra non suporá unha perda tan importante de prazas para Belas Artes”. Explicou que a cifra non está aínda acordada, pero posiblemente en lugar de perder 45 estudantes “perderemos a metade e mesmo se poderán recuperar o vindeiro curso se segue a haber demanda”.

En referencia a este tema, o profesor José Antonio Fraiz amosou a súa preocupación polo impacto que as novas titulacións poden ter no campus de Ourense, entre elas, Innovación Gastronómica e Xestión Hoteleira, da USC, ou Turismo, no caso de que A Coruña recupere este título como público, xa que ata o momento só se imparte nun centro adscrito. Isto provocaría que o campus de Ourense perdese a exclusividade en Galicia desta titulación. Tamén recalcou a necesidade de estudar e avaliar en detalle a organización do título interuniversitario de Relacións Internacionais, que se vai impartir “en dous campus non centrais, sobre o que temos pouca información e non sabemos nin a que centro se vai adscribir”.

Outros temas da orde do día
Como se recollía na orde do día, nesta sesión tamén se aprobou o Regulamento Electoral Xeral da Universidade de Vigo, que “xunta nun único texto todas as normas que regulaban procedementos electorais dispersos ata agora en diferentes regulamentos, e se adapta ás esixencias dos novos Estatutos”, explicaba o secretario xeral, Miguel Ángel Michinel. Tamén se aprobou o Regulamento do Claustro, así como a creación e constitución das comisións do Plan Estratéxico, que serán tres: Organización Académica, titulacións e internacionalización; Investigación, transferencia e cooperación internacional e Infraestruturas, xestión, relación coa contorna e sostenibilidade.

No seu informe, o reitor tamén fixo referencia ao proceso de desascripción con Abanca e lembrou que, unha vez analizado o Anteproxecto de Lei de recoñecemento da universidade privada Universidad Intercontinental de la Empresa, “decidimos presentar alegacións, consensuadas coa Universidade da Coruña e asinadas por ambos reitores”. Remarcou que o que se busca é “que se cumpra a legalidade, non nos estamos opoñendo á creación da universidade privada, solo queremos que se sexa especialmente escrupuloso tanto na regulamentación nacional como na autonómica”.

No relativo á paga extra, Reigosa avanzou que “este ano, ao igual que o ano pasado, vaise producir o pagamento de media extra, pero seguimos co calendario no cal pouco a pouco se van ir incorporando máis recoñecementos de pagas”. Informou tamén o reitor de que existe unha proposta da Plataforma ProCampus de Ourense para solicitar a creación dunha Universidade de Ourense. Neste sentido adiantou que se reunirá cos seus representantes para facer constar que “somos unha Universidade con tres campus, moito máis forte unida que separada”.

Inicia sesión para enviar comentarios

transporte

navidad

sucesos

  • Últimas noticias

  • Más leído