14102019Lun
Última edición: Lun, 14 Oct 2019 7pm

semana da mobilidade

O BNG propón unha “liña cero” de transporte urbano entre Navia e Teis cada 15 minutos

O concelleiro Xabier P. Igrexas propón dotar a cidade dunha liña central con frecuencias de 15 minutos que conecte o casco urbano e funcione como intercambiador cos circulares

21 Septiembre 2019 por
Valora este artículo
(3 votos)
Autobuses en Pi y Margall. / Foto: Arquivo Autobuses en Pi y Margall. / Foto: Arquivo

En vésperas do día internacional sen coches, que se celebrará este domingo, o Bloque Nacionalista Galego demanda do Goberno municipal de Vigo “audacia, valentía e modernidade” para apostar de maneira decidida por unha mobilidade “moderna e ambientalmente sostíbel”, reforzando e mellorando de maneira susbtancial o servizo de transporte público.

Con ese obxectivo, o concelleiro Xabier P. Igrexas vén de propoñer a creación dunha “liña cero” que una Navia e Teis, conectando todo o casco urbano e que poida funcionar como liña central e intercambiador para combinar cos circulares, a través dos transbordos. A liña debera ter unha frecuencia de como mínimo 15 minutos durante os horarios laborábeis, para o que propoñen que o seu percorrido se desenvolva sobre carrís bus e complementariamente con preferencia semafórica naquelas rúas nas que non permitan a reserva dun carril exclusivo. A liña partiría de Navia, e pasaría por Coia, Travesas, praza de España, nova estación de Urzaiz, Calvario e Travesía de Vigo ata desembocar en Teis.

Igrexas defende que esta proposta debería incorporarse dentro da necesaria reforma do mapa de liñas e da nova concesión do servizo. “Esa liña cero sería unha medida que revolucionaría a mobilidade e que melloraría de maneira substancial o transporte urbano e a mellor contribución para avanzarmos de verdade cara a unha cidade con menos coches”, reivindicou.

Para asegurar a súa axilidade e capacidade, a fronte nacionalista suxire que se faga uso dalgunha modalidade de transporte articulado. “Moito se ten falado do metro lixeiro, gastando decenas de millares de euros en estudos. Non imos dicir se esa é a fórmula ou outra, pero o que sabemos é que en outras cidades europeas semellantes a Vigo funcionan de maneira moi eficiente liñas con sistema de trolebús”, explicou Igrexas.

Alternativa ao coche
“A única maneira de crear as condicións para reiniciar o proceso de democratización do espazo público que supuxeron as peonalizacións da Praza da Independencia ou do Calvario, é dar unha alternativa que permita retirar coches das rúas”, argumentou o edil nacionalista. “En Vigo ninguén conduce por pracer nin por vicio. Cada día millares de viguesas e vigueses se ven forzosamente obrigadas a se desprazaren no seu vehículo particular por que o servizo de autobús non atende as súas necesidades”, remachou.

Inicia sesión para enviar comentarios

vigo

economía

economía

  • Últimas noticias

  • Más leído