15102019Mar
Última edición: Lun, 14 Oct 2019 7pm

O BNG de Vigo propón unha "biblioteca móbil" contra a “confusión interesada” da sala de Navia

A formación pide promover a lectura en todos os barrios e parroquias e non anunciar como bibliotecas espazos nos que só hai mesas e cadeiras e "cero libros e cero persoal bibliotecario"

17 Septiembre 2019 por
Valora este artículo
(3 votos)
Caballero, na recente visita que fixo á sala de lectura de Navia, que anunciou como unha "biblioteca" malia non ter libros. / Foto: Concello de Vigo Caballero, na recente visita que fixo á sala de lectura de Navia, que anunciou como unha "biblioteca" malia non ter libros. / Foto: Concello de Vigo

O BNG vén de propoñer que o Concello de Vigo se dote dunha biblioteca municipal móbil que percorra os diferentes barrios e parroquias achegando así a lectura a toda a cidade. Así o anunciou o concelleiro, Xabier P. Igrexas, quen criticou que se estean a anunciar como bibliotecas espazos que son apenas salas de lectura. "A inauguración da sala de lectura no barrio de Navia é unha oportunidade perdida máis para seguir a desenvolver a rede municipal de bibliotecas que o Bloque quixemos iniciar coa biblioteca Neira Vilas no Calvario", explicou.

Igrexas cargou contra a "confusión interesada" que se está a facer por parte do Goberno municipal entre bibliotecas e salas de lectura afirmando que "o que hai en Navia é un espazo moi diáfano pero que só está dotado de mesas e cadeiras, cero libros e cero persoal bibliotecario, e cero oportunidades, polo tanto, de que nese barrio se promova a lectura para democratizar o acceso á cultura precisamente a través dos libros".

O edil nacionalista tamén referiu a perda que supuxo suprimir a biblioteca coa que fora deseñada a recuperación da Casa do Patín de Bouzas e que foi substituída, como no caso de Navia, por apenas unha sala de lectura, e a desaparición do programa estival ‘Os Libros ao Sol’.

O Bloque aposta por "potenciar de verdade o acceso ao libro" e para iso propoñen como "medida complementaria e, sobre todo, como paliativo diante deste deliberado desinterese polo libro do actual Goberno, que se poña en marcha unha biblioteca municipal móbil". Este servizo podería funcionar sobre unha "biblio-furgoneta" como a que xa existen noutras cidades a nivel internacional, e debería depender da biblioteca Neira Vilas. A idea sería que a biblioteca móbil percorrese os diferentes barrios e parroquias da cidade, por exemplo aproveitando a celebración de feiras e mercados ou outros eventos públicos.

Con esta proposta "en positivo", segundo subliñou Igrexas, as nacionalistas queren "combater a política de desertización cultural que practica o Concello de Vigo e que ten no desprezo ao libro e á lectura o seu síntoma máis preocupante".

Inicia sesión para enviar comentarios

vigo

economía

economía

  • Últimas noticias

  • Más leído