24072019Mié
Última edición: Mar, 23 Jul 2019 10pm

A Universidade de Vigo convoca a maior oferta de emprego público dos últimos anos

A institución académica ofrece máis dun cento de prazas de profesorado para o vindeiro curso co obxectivo de que o PDI teña unha dedicación docente máxima de 280 horas

24 Junio 2019 por
Valora este artículo
(0 votos)
 Docentes participando nun congreso celebrado na Universidade de Vigo. / Foto: DUVI Docentes participando nun congreso celebrado na Universidade de Vigo. / Foto: DUVI

Ata o día 1 de xullo estará aberto o prazo de presentación de solicitudes para os tres concursos públicos de prazas de profesorado que convoca a Universidade de Vigo para o curso 2019-20. Son máis de 100 prazas que supoñen a maior oferta dos últimos anos na institución académica, que antes de final de ano tamén lanzará máis de 50 prazas de titular, catedrático e contratado doutor, seguindo as prelacións xeradas a partir da data de acreditación.

“Son compromisos electorais claros na aposta polas persoas e medidas que reverten en parte os efectos que tivo a crise dos últimos anos sobre o persoal e a estrutura do cadro de Persoal Docente e Investigador (PDI)”, asegura Manuel Ramos, vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, en relación coa proposta realizada por H2040 en campaña electoral dunha dedicación docente máxima de 280 horas e a consolidación dos cadros de persoal, “o que ten un efecto sobre o rexuvenecemento do cadro de persoal permanente, que é algo que preocupa especialmente en toda a universidade española neste momento”, asegura Ramos.

O importe desta acción acada, entre os orzamentos do anos 2019 e 2020, arredor de 985.000 euros. “Desde o punto de vista económico, como non pode ser doutro xeito, supón un gasto adicional que á hora de elaborar o orzamento para este ano xa se dotou economicamente. Por outra banda, tendo en conta que estamos a falar de profesorado para o curso académico 2019-20 tamén cómpre ter en conta o custo desta política para a elaboración do orzamento do vindeiro ano”, explica José María Martín Moreno, vicerreitor de Economía da Universidade de Vigo.

Tres son as convocatorias abertas pola institución académica viguesa neste intre coa finalidade de reforzar o seu cadro de persoal docente e investigador: o concurso público de profesorado asociado, que oferta 43 prazas; o de profesorado axudante doutor con 13 prazas e outras oito adicionais, que se convocarán no segundo cuadrimestre e o concurso público para a elaboración de listas de agarda, con 40.

A este cento de prazas convocadas neste intre, cómpre engadir tres de asociados de Ciencias da Saúde, así como as prazas de profesorado titular e catedráticas e catedráticos, que se convocarán antes de fin de ano e que ascenden a 24 no caso das e dos titulares, 24 de catedráticos e catedráticas e cinco de contratado doutor. “Todo isto, xunto cos programas de retención de talento postos en marcha, suporá que dentro do curso 2019-20 cumpriremos a folla de ruta no referente a persoal docente e investigador que tiñamos definido no noso programa de goberno”, explica Ramos.

Nun contexto no que os ingresos se manteñen máis ou menos estables por mor do Plan de Financiamento 2016-2020 actualmente en vigor, “calquera acción nova de goberno supón unha reestruturación no orzamento para poder levala a cabo, claro está baixo a premisa de que a Universidade de Vigo siga a manter a estabilidade orzamentaria e contas completamente saneadas e solventes, como é o caso”, sinala o vicerreitor de Economía.

Neste sentido, Martín Moreno sinala que cómpre ter en conta, “algo do que moi pouca xente fala: a busca da eficiencia no gasto realizado anteriormente ás políticas levadas a cabo por nós. A procura desa eficiencia fai que a reestruturación doutras partidas para investir en persoal sexa menos traumática”.

Pola súa banda, o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado incide en que unha dedicación docente “tan alta como era a de 320 ten un efecto negativo, por unha banda na calidade da docencia, xa que ter que asumir tal cantidade de horas supón dispor de menos tempo para a preparación das clases, e por outra banda, na capacidade do profesorado para dedicarse ás súas outras funcións: investigación, xestión e formación propia”, detalla Manuel Ramos.

Deja un comentario

Asegúrate de llenar la información requerida marcada con (*). No está permitido el código HTML. Tu dirección de correo NO será publicada.

vigo en festas 2019

vigo

  • Últimas noticias

  • Más leído