24042019Mié
Última edición: Mié, 24 Abr 2019 12pm

Urbanismo dá o visto e prace ao proxecto de recuperación da Panificadora

A Xerencia dará luz verde ao proxecto de reformar o edificio, que manterá a pegada tradicional da rúa Santiago na estrutura da zona, respectará as pautas de guía de cor e incluirá unha dotación mínima de 20 prazas de aparcamento

18 Marzo 2019 por
Valora este artículo
(0 votos)
A Panificadora. / Foto: Arquivo A Panificadora. / Foto: Arquivo

A Xerencia de Urbanismo de Vigo levará o vindeiro xoves na súa orde do día a aprobación provisional da modificación puntual do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (Pepri) do Casco Vello para avanzar no novo proxecto da Panificadora.

O concurso de ideas convocado polo Concello aportou o proxecto inicial de restauración, que xa foi desenvolvido, para facer a modificación urbanística concreta que permitirá a recuperación do edificio.

Os donos do inmoble presentaron oito alegacións e non foi aceptada ningunha. “Estaban feitas en termos dos intereses dos propietarios e non en termos dos intereses urbanísticos da cidade ou de conceptos xurídicos, contrarias á ordenación”, apuntou este luns o alcalde da cidade, Abel Caballero.

Tamén xa foron recibidos os preceptivos informes sectoriais das consellerías de Infraestruturas e Vivenda e de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, así como os dos ministerios de Economía e Empresa e de Transición Ecolóxica, que propuxo algunhas consideracións xa incorporadas ao proxecto.

“Temos luz verde”, apuntou o rexedor antes de engadir que tamén contan co visto e prace do departamento de Patrimonio, da Xunta de Galicia, coa incorporación de todas as suxestións “malia que as enviaron fora de prazo”.

Entre as peticións urbanísticas están incluídos o mantemento da pegada tradicional da rúa Santiago na estrutura da zona e as pautas de guía de cor, así como a dotación mínima de 20 prazas de aparcamento, que non poden afectar ás zonas verdes, o respecto á normativa de accesibilidade e a avaliación do impacto do proxecto na facenda pública.

A Panificadora conta con elementos protexidos, como son os silos, o edificio principal, o almacén e o edificio da rúa Falperra. “A actuación é irreversible, vaise a aprobar na Xerencia, hai clara maioría para que vaia adiante e non imos permitir que ninguén defenda intereses particulares, queremos a recuperación íntegra”, afirmou Caballero.

Equipamento sociocultural
Tras a aprobación este xoves na Xerencia, a Xunta ten dous meses para remitir informes e o proxecto irá ao pleno para a aprobación definitiva. “Buscamos recuperar A Panificadora e transformar o edificio deshabitado desde hai medio século nunha zona de equipamento público de carácter sociocultural”, abundou o alcalde.

“É unha obra de rango histórico, estamos rectificando vellos errores da cidade que van quedar estañados, porque esta cidade cometeu inmensos erros históricos e a nosa función é eliminalos e convertelos en zonas activas da cidade”, engadiu.

                               

Deja un comentario

Asegúrate de llenar la información requerida marcada con (*). No está permitido el código HTML. Tu dirección de correo NO será publicada.

vigo

vigo

arte

cine

gastronomía

  • Últimas noticias

  • Más leído