20082019Mar
Última edición: Lun, 19 Ago 2019 7pm

Luz verde ao proxecto para habilitar un novo aparcamento na rúa Coutadas

O obxectivo é recuperar as prazas perdidas tras a humanización do Barrio das Flores adecuando unha zona de 950 metros cadrados

14 Marzo 2019 por
Valora este artículo
(0 votos)
O estacionamento estará situado a carón da piscina de Teis. / Imaxe: Google Maps O estacionamento estará situado a carón da piscina de Teis. / Imaxe: Google Maps

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves o proxecto de obra para construír un aparcamento en superficie na rúa Coutadas, en Teis, mediante un investimento de 76.000 euros. A empresa adxudicataria é Civis Global e o prazo de execución é de dous meses, polo que está previsto que a zona, situada xunto á piscina, estea dispoñible en breve.

“Xa fixemos a inauguración do Barrio das Flores e imos acompañar a obra cun aparcamento preto da piscina e que dará un grande servizo á zona de Sanjurjo Badía", sinalou o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Aínda que non existe un dato exacto das prazas que se poderán habilitar nesta parcela, de 950 metros cadrados, o obxectivo é recuperar os aparcamentos perdidos coa humanización do Barrio das Flores.

O rexedor tamén lembrou que xa hai outro estacionamento na zona do mercado de Teis cunhas 150 prazas aproximadamente e afirmou que “seguiremos buscando fórmulas para facilitar aparcamento noutras zonas da cidade”.

Museo Liste e Cine Club Lumiere
Ademais, a Xunta de Goberno Local sacou adiante o convenio co Museo Liste por valor de 125.000 euros, polo que o custe da sala etnográfico queda cuberto a través do Concello de Vigo case ao cento por cento. “O Liste pasa así a ser un museo máis da rede municipal de Vigo”, sinalou Caballero.

Por último, foi aprobada a subvención ao Cine Club Lumiere por valor de 10.000 euros para levar a cabo a súa actividade de proxeccións de cine en versión orixinal. “É unha actividade con moita acollida, moito éxito, e administran moi ben os recursos”, apuntou o alcalde.

Inicia sesión para enviar comentarios

sucesos

tráfico

tecnología

rutas

  • Últimas noticias

  • Más leído