Imprimir esta página

O Plan Concellos investiu case 19 millóns na comarca de Vigo

O plan provincial supuxo ata agora para os sete municipios da área o financiamento de 129 obras ou a contratación de 415 persoas

01 Septiembre 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
Carmela Silva, en rolda de prensa. / Foto: DePo Carmela Silva, en rolda de prensa. / Foto: DePo

O Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, posto en marcha coa chegada de Carmela Silva ao goberno provincial, xa ten investido na comarca de Vigo preto de 19 millóns de euros nestes tres anos de lexislatura, beneficiando aos municipios do Porriño, Redondela, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Mos, Salceda de Caselas e Soutomaior (neste plan provincial non computa o concello de Vigo por ter máis de 50.000 habitantes).

Supón “o investimento máis importante da historia da institución nos concellos da provincia”, segundo subliñou este sábado a presidenta Carmela Silva, en rolda de prensa. Silva engadiu que “esta Deputación fala de datos. Ao abeiro deste plan provincial, puxemos a disposición da comarca de Vigo máis de 14 millóns da liña 1 de investimentos, preto de dous millóns na liña 2 de amortizacións, pagamento de débedas e gastos correntes, e máis de tres millóns na liña 3 de emprego”.

En concreto, ao abeiro da liña 1 de investimentos, a Deputación de Pontevedra xa xestionou 127 actuacións por valor de máis de 10 millóns de euros. Máis polo miúdo, realizáronse achegas para levar a cabo 19 actuacións de saneamento por un total de máis de dous millóns de euros, 18 de pavimentación e renovacións de rúas por máis dun millón de euros, 22 de adquisición de bens e equipamentos por máis de 400.000 euros e 70 de novas infraestruturas e mellora de edificacións municipais por máis de 6 millóns de euros.

En canto ás obras de saneamento foron 5 concellos da comarca de Vigo os que beneficiáronse das achegas do Plan Concellos da Deputación. Concretamente, Fornelos de Montes puido realizar dúas actuacións por valor de 85.021,63 euros, entre as que destaca a mellora da rede de pluviais no camiño ao Lavadero Calvos e o camiño a Rochas; O Porriño puido acometer 5 actuacións por importe de 670.046,65 €, sendo a máis importante a mellora de saneamento e pavimentación en Lameira; Pazos de Borbén, 3 actuacións por 361.316,9 €, sendo a máis importante a ampliación da rede de saneamento en Masuán; Redondela realizou 9 actuacións por 1.176.240,25 €, destacando o saneamento nos Valos, Saxamonde e no centro da vila, e Soutomaior puido levar a cabo a conexión de saneamento en Montesiña.

Pola súa banda, foron tamén 6 concellos da comarca de Vigo os que empregaron os cartos do Plan Concellos para realizar obras de pavimentación e renovación de rúas. Fornelos de Montes realizou 4 actuacións por 195.450,70 €, sendo a máis relevante a mellora de drenaxes e pavimentación no camiño de Fondo da Vila; Mos puido acometer a baixada a Buenos Aires por 124.590,44 €; O Porriño, 2 actuacións por 281.185,49 €, entre as que destaca a mellora e pavimentación dun camiño en Madorras; Soutomaior, 8 actuacións por importe de 390.897,28 €, destacando a pavimentación de diferentes camiños do concello; Redondela puido levar a cabo a renovación do pavimento do Camiño do Outerios por 40.711,78 €, e Salceda de Caselas, a pavimentación da rúa Rosalía de Castro e a mellora de camiños en Salceda, Soutelo e Parderrubias por 61.753,79 euros.

Para a adquisición de bens e equipamentos foron os 7 concellos da comarca de Vigo os que solicitaron o investimento da Deputación de Pontevedra ao abeiro do seu plan provincial. Concretamente Fornelos de Montes para 8 actuacións por un importe de 86.162,04, destacando a compra da carrozaría dun camión; Mos, por un importe de 60.607,93 €, para 3 actuación como a compra de cadros eléctricos para o alumeado público; O Porriño, para o subministro de equipamento deportivo, 14.489,75 euros; Pazos de Borbén, para a elaboración de inventario de bens municipais, 26.620 euros; Redondela, 159.183,01 euros, para 8 actuacións entre as que destaca a compra dun piano de cola para o edificio multiusos; Salceda de Caselas, 71.280,99 €, para 4 actuacións como a compra dun camión con grúa, e Soutomaior 3.351,08 euros para a compra de desbrozadoras.

Amais, en canto á liña 1 de investimentos, os 7 concellos da comarca do Condado tamén beneficiáronse de actuacións de novas infraestruturas e mellora de edificacións municipais. Así, Fornelos de Montes puido levar a cabo 8 actuacións por un importe de 393.523,50 €, entre as que destaca a urbanización e a construción dun ximnasio e unha pista de pádel; Mos, realizou 10 actuacións por 1.831.268,54 euros, sendo a máis importante a mellora da seguridade viaria nas parroquias de Torroso, Cela e Tameiga; O Porriño, 8 actuacións por importe de 1.297.696,92 euros, destacando a dotación de beirarrúas a Pontenova, A Guía e Atios; Pazos de Borbén, 6 actuacións por un valor de 294.964,35€, entre elas sobresae a senda peonil e ciclista entre Moscoso e Xunqueiras; Redondela, 9 actuacións por 880.405,72 €, sendo a máis importante a reposición de servizos na contorna da rúa Cubillón, en Chapela; Salceda de Caselas puido acometer, por un total de 1.024.523,46 euros, 12 actuacións, e Soutomaior, por 648.121,45 €, 17 actuacións como a remodelación do campo de fútbol de Arcade.

No relativo á liña 2 de amortizacións, pagamento de débedas e gastos correntes os 7 concellos da comarca de Vigo levaron a cabo actuacións por valor de 1.789.934,61 euros. Deste xeito, Fornelos de Montes recibiu preto de 100.000 euros; Mos, preto de 400.000 €; O Porriño, preto de 200.000 €; Pazos de Borbén, máis de 165.000 €; Redondela, preto de medio millón de euros; Salceda de Caselas, máis de 270.000 €, e Soutomaior, preto de 140.000 euros.

Por último, a liña 3 de emprego do Plan Concellos serviu para que os concellos da comarca do Condado puideran contratar nestes tres anos a 415 traballadoras e traballadores cun investimento da Deputación de Pontevedra de 3.073.381,09 euros. Así, Fornelos de Montes puido contratar a 44 persoas; Mos, a 34; O Porriño, a 109; Pazos de Borbén, a 55, Redondela, a 76; Salceda de Caselas, a 45, Soutomaior a 52.