16092019Lun
Última edición: Dom, 15 Sep 2019 8pm

A Xunta ratifica a multa de 21.520 euros ao Concello de Vigo polo control da auga

A resolución determina como probadas catro infraccións administrativas, tres tipificadas como graves e outra de carácter leve, e rexeita as alegacións municipais

02 Julio 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
O Laboratorio Municipal de Vigo. / Foto: Arquivo O Laboratorio Municipal de Vigo. / Foto: Arquivo

A Xunta de Galicia vén de confirmar a sanción de 21.520 euros ao Concello de Vigo como responsable do servizo de abastecemento de auga de consumo humano, polas “reiteradas deficiencias” nos controis realizados polo laboratorio municipal na billa do consumidor e “incumprimentos” na calidade da auga que non foron comunicados á autoridade sanitaria. A resolución determina como “probadas e axustadas a dereito” as catro infraccións administrativas anunciadas o pasado mes de xaneiro e rexeita as alegacións municipais.

Segundo consta no expediente, as inspeccións de Saúde Pública levadas a cabo poñen de manifesto o “incumprimento reiterado” en Vigo da normativa que establece os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo, sen que o Concello aplicase as consecuentes medidas correctoras para emendar as non conformidades detectadas no marco do programa galego de vixilancia sanitaria, tal e como se lle requiriu en non poucas ocasións. 

En consecuencia, a Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade de Pontevedra ratifica a sanción en 21.520,26 euros por catro infraccións administrativas, tres delas tipificadas de carácter grave e outra de carácter leve. Isto é, 6.010,13 pola ausencia de certificación ou acreditación do Laboratorio Municipal, outros 6.010,13 pola falta de determinación de metais nas analíticas de control e 8.000 pola ausencia de notificación á autoridade sanitaria dos supostos constatados de auga non apta para o consumo. En canto a infracción leve, mantén a cantidade de 1.500 euros por non subministrar os datos ao Sinac.

Nas análises realizadas polo laboratorio municipal na billa do consumidor en 2016 e 2017 se detectan ata 24 analíticas que cualifican a auga como non apta e outras 31 baixo a clasificación de apta con non conformidade. En canto a 2015, non se realizaron a totalidade das análises na billa do consumidor.

Neste senso, insistiu en que os técnicos sanitarios da Consellería puideron constatar que ningún destes incumprimentos foi confirmado cunha segunda analítica antes das 24 horas de terse detectado, nin comunicado polo Concello de Vigo á autoridade sanitaria. Tampouco están dispoñibles estas analíticas de control en billa no Sistema de Información Nacional de Auga de Consumo (Sinac).

O representante autonómico, quen lembrou que a xestión do abastecemento correspóndelle a empresa municipal encargada do servizo, porén o control na billa do consumidor é competencia da administración local, afirmou que “a existencia dun xestor da rede non exime ao Concello da responsabilidade de que a auga subministrada sexa apta para o consumo no punto de entrega”.

Argumentos das alegacións
Os dous argumentos principais arredor dos que xiran as alegacións realizadas polo Concello, non teñen, segundo o delegado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, “un mínimo fundamente probatorio” porque se escudan na seca padecida nos meses de novembro e decembro do 2017 como causa á que se imputa a baixa calidade da auga.

A resolución é clara respecto a este punto, dixo, ao afirmar que non se ten aportado xustificación nin informes técnicos que avalen a relación de causalidade entre a seca e a alteración de parámetros na auga.

“Non se pode afirmar que o control na billa se deba realizar en situacións normais, e que perde a súa razón de ser en situacións excepcionais, xa que é nas devanditas situacións cando debe incrementarse”, aseverou López-Chaves, ao tempo no que recordou que no ano 2016 se detectan 19 analíticas con incumprimentos, e non refire ningunha circunstancia excepcional. Tampouco neste caso foron tramitados conforme a sistemática establecida na normativa.

Respecto á segunda liña argumental na que basea o Concello a súa defensa, a ausencia de acreditación do laboratorio municipal, o delegado territorial indicou que os boletíns de análises non son nulos como alega, “senón que están emitidos por unha entidade non acreditada no momento da súa emisión, pero conforme a métodos de ensaio contrastados”, sinalou. “De modo que afirmar que non se pode dar validez a estes boletíns é o mesmo que aseverar que como non teño carné de conducir, non me poden sancionar por ir a 180”, dixo.

En todo caso, López-Chaves insistiu en que o propio Concello admite que o laboratorio leva sen acreditar desde 2011(data na que afirma que contratan por primeira vez os servicios da ENAC), e que non o volven a intentar ata o 2017. Un recoñecemento que abonda para dar por acreditada a infracción que se lle imputa.

Incumprimentos reiterados nos seus labores de control, abundou o delegado na súa conclusión respecto á actitude do Concello, que implicaron, tal e como se recolle na resolución, “un risco certo para a saúde humana”. “Un tema nada banal pola exposición dos consumidores a supostos de auga non apta, por un período indeterminado de tempo que non foron nin comprobados nin comunicados e, en consecuencia, non se adoitaron as medidas correctoras que o Concello debeu ter en conta no seu proceder”, subliñou. 

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, defendeu que a calidade da auga da cidade é “óptima” e “sempre” foi potable. O Concello contará cun prazo de 15 días, contados a partir do seguinte a aquel no que teña lugar a notificación, para presentar recurso de alzada.

Inicia sesión para enviar comentarios

movilidad

sucesos

medio ambiente

  • Últimas noticias

  • Más leído