16092019Lun
Última edición: Dom, 15 Sep 2019 8pm

A Xunta ratifica a sanción a Vigo por “incumprimentos reiterados” no control da auga

Sanidade inicia o procedemento sancionador despois de que foran desestimadas todas as alegacións do Concello

06 Abril 2018 por
Valora este artículo
(0 votos)
López Chaves, na rolda de prensa na que se comunicou a ratificación. / Foto: Xunta de Galicia López Chaves, na rolda de prensa na que se comunicou a ratificación. / Foto: Xunta de Galicia

A Xunta conclúe na proposta de resolución do expediente sancionador aberto o pasado mes de xaneiro ao Concello de Vigo, como responsable do servizo de abastecemento de auga de consumo humano, a imposición de catro infraccións administrativas, tres tipificadas como graves e outra de carácter leve, que cuantifica no importe de 21.520,26 euros.

Así o informou o delegado do Goberno galego na área territorial, Ignacio López-Chaves, quen confirmou a desestimación da totalidade das alegacións da Administración local “rebatendo todos e cada un dos argumentos esgrimidos polo Concello”. Segundo dixo, unha vez analizada a documentación e vistas as actas e as alegacións presentadas, quedan probadas as deficiencias reiteradas nos controis realizados polo Laboratorio Municipal na billa do consumidor. Tamén que houbo incumprimentos na calidade da auga que non foron nin confirmados, cunha analítica ás 24 horas como marca a normativa, nin comunicados á autoridade sanitaria

As inspeccións de Saúde Pública levadas a cabo poñen de manifesto o incumprimento reiterado en Vigo da normativa que establece os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo, requiríndolle ao Concello a aplicación das consecuentes medidas correctoras para emendar as non conformidades detectadas no marco do programa galego de vixilancia sanitaria.

Nas análises realizadas polo Laboratorio Municipal na billa do consumidor en 2016 e 2017 detéctanse ata 24 analíticas que cualifican a auga como non apta e outras 31 baixo a clasificación de apta con non conformidade. En canto a 2015, sinalan que non se realizaron a totalidade das análises na billa do consumidor.

Ademais, segundo puideron constatar os técnicos sanitarios da Consellería ningún destes incumprimentos foi confirmado cunha segunda analítica antes das 24 horas de terse detectado, nin comunicado polo Concello de Vigo á autoridade sanitaria. Tampouco están dispoñibles estas analíticas de control en billa no Sistema de Información Nacional de Auga de Consumo (Sinac).

Autoridade sanitaria municipal
Neste senso, o delegado lembrou que a xestión do abastecemento correspóndelle á empresa municipal encargada do servizo, porén o control na billa do consumidor é competencia da Administración local que, de acordo coa Lei de Saúde Pública, “é autoridade sanitaria e, por tanto, responsable”.

Ao fío, o representante autonómico lembrou que nas alegacións o propio Concello recoñece supostos de auga non apta. Así resumiu, “non se fixo a comprobación ás 24 horas, non se adoptaron medidas correctoras, non se analizaron as causas dos incumprimentos e non se comunicou nin á Xunta nin aos consumidores os sucesivos episodios de auga non potable”.

“É de extrema gravidade que, coñecendo estes resultados, o Concello non actuara”, dixo, e foi máis aló ao destacar que o alcalde “non atendeu as recomendacións e observacións dos técnicos municipais do laboratorio, que lle pediran que declarara a auga non apta para o consumo”.

Por todos os feitos expostos, a Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade de Pontevedra determina a cuantificación provisional da sanción no importe de 21.520,26 euros por catro infraccións administrativas, tres delas tipificadas de carácter grave e outra de carácter leve.

Isto é, 6.010,13 pola ausencia de certificación ou acreditación do Laboratorio Municipal, outros 6.010,13 pola falta de determinación de metais nas analíticas de control e 8.000 pola ausencia de notificación á autoridade sanitaria dos supostos constatados de auga non apta para o consumo. En canto a infracción leve, acorda a cantidade de 1.500 euros por non subministrar os datos ao Sinac.

O Concello contará cun prazo de 15 días, contados a partir do seguinte a aquel no que teña lugar a notificación, para aducir de novo alegacións.

Inicia sesión para enviar comentarios

movilidad

sucesos

medio ambiente

  • Últimas noticias

  • Más leído