Imprimir esta página

O Goberno municipal inicia o expediente para a construción da estación do AVE de Urzaiz

O acordo acadado entre as diferentes partes implicadas desbloquea esta infraestrutura

08 Noviembre 2017 por
Valora este artículo
(1 Voto)
Recreación del futuro Centro Vialia. Recreación del futuro Centro Vialia.

O Goberno municipal vén de iniciar a incoación do expediente para a construción da estación do AVE de Urzaiz deseñada por Thom Mayne no próximo Consello da Xerencia de Urbanismo, tralo acordo acadado entre as diferentes partes implicadas, que permitirá a creación da infraestrutura, a cesión dos terreos municipais á Xunta, a construción do túnel de saída de Vigo por debaixo da estación de autobuses e o derribo do paso elevado de Alfonso XIII.

O acordo supón un investimento de 10,7 millóns de euros que financiará ADIF nun 62%, o Concello nun 22% e nun 16% a Xunta de Galicia, que ademais custeará a estación de autobuses xa que é da súa competencia.

Ademais, ADIF financiará a redacción dos cinco proxectos que inclúe a obra: o túnel entre Lepanto e a Estación Autobuses, o tramo que discorre entre a Estación Autobuses e a AP-9, a obra desde a AP-9 ata a entrada ao Centro Vialia Thom Mayne, a demolición do viaduto de Alfonso XIII e o quinto proxecto correspondente ás instalacións e balizamentos.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, amosou a súa "enorme satisfacción porque supón desbloquear un dos grandes proxectos da cidade" e manifestou o desexo do Concello de que os proxectos poidan aprobarse antes de que remate 2017 xa que "levamos no orzamento máis de 300.000 euros para pagar a parte correspondente das obras e queremos poder inicialas en 2018" para que se acometan en correlación coa construción da estación de Mayne.

Unha vez concluídas, o Concello será o titular e xestor do túnel de Lepanto que formará parte das vías urbanas da cidade. Corresponde tamén ao Goberno local a xestión de proxectos do total da obra por un importe de 4.300.000 euros.

O proxecto do centro de Thom Mayne e os novos accesos serán tramitados polo procedemento establecido na Lei 3/2016 que ten garantido o "apoio preceptivo e vinculante" do goberno municipal vigués, que xa o someteu a información pública xunto á relación de bens e dereitos afectados pola expropiación, que son uns 350 metros cadrados que serán entregados á Xunta de Galicia.

Inicia sesión para enviar comentarios