Imprimir esta página

patrimonio

Cume Xunta-Concello por unha candidatura conxunta a Patrimonio da Humanidade

O conselleiro de Cultura e Educación enviou este luns unha carta ao rexedor para fixar un encontro esta mesma semana

05 Junio 2017 por
Valora este artículo
(0 votos)
Illas Cíes. Illas Cíes.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, remitiu este mesmo luns ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, unha carta solicitándolle celebrar un encontro no que dialogar con pragmatismo, para poder acadar unha suma de vontades que contribúa á consecución do obxectivo compartido da declaración como Patrimonio da Humanidade das Cíes en conxunto co Parque Nacional Illas Atlánticas.

Na misiva o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia indícalle ao rexedor que "sería moi positivo poñer información en común e intercambiar puntos de vista para, tendo a responsabilidade de defender o mellor para Vigo e para Galicia atopar unha solución que sume para acadar este anhelo común”.

Para iso, o conselleiro proponlle ao alcalde unha reunión esta mesma semana, no momento no que mellor encaixe nas súas respectivas axendas. Explica a Xunta nun comunicado que quere acadar "un acordo dialogado arredor dunha candidatura gañadora e de consenso, tendo moi en conta que as Illas Cíes son un elemento esencial e principal dentro de todo o que representa o Parque Nacional das Illas Atlánticas". Engade tamén que xa se fixeron xestións no Ministerio para avaliar a posibilidade de reformular a candidatura, inicialmente elaborada pola Consellería de Medio Ambiente e a resposta foi afirmativa.

"Antes de dar este paso, é necesario estudar detidamente as posibles modificacións a introducir, as posibles achegas do concello de Vigo e a opinión dos outros tres concellos con territorios incluídos no Parque das Illas Atlánticas. De feito, está previsto que o conselleiro se reúna a próxima semana co resto dos alcaldes", explica a Xunta.

En calquera caso, a Consellería asegura que disponse de tempo suficiente para "dar todos os pasos precisos, sen precipitación nin xerar malos entendidos que poderían prexudicar a candidatura e afectar ao obxectivo común".

Inicia sesión para enviar comentarios