Así, se expresaba durante a Xunta Directiva do PP de Pontevedra onde se presentou a candidatura popular nesa provincia -que el mesmo encabeza- e na que tamén estivo acompañado polo presidente provincial, Alfonso Rueda.
Alí, Feijóo salientou que os populares teñen a certeza de que van gañar así como que hai unha grande maioría de galegos que quere que gañen e que gobernen. A pesar disto, advertiu que non será suficiente se esta maioría non se manifesta nas urnas.
Por este motivo, o dirixente recalcou que piden o apoio a esa inmensa maioría «coa razón da humildade e dos feitos, admitindo que aínda poden chegar moito máis lonxe pero que con eles Galicia xa está indo cara adiante».
Nesta liña, apuntou tamén que, mentres hai outras formacións que teñen como máxima ambición ser a segunda forza política ou que aspiran a non desaparecer, a aspiración do PPdeG é seguir mellorando Galicia. Por este motivo, recoñeceu que teñen que traballar coa máxima enerxía nas próximas semanas para que a comunidade non deixe de avanzar.
Durante a súa intervención, o presidente tamén aseverou que non se conforma con que en Galicia «creza e mellore a economía, os servizos públicos, os sectores estratéxicos ou as oportunidades ás familias que teñen un fillo ou que renovan o seu fogar».
“Non me presento ás eleccións negando o que entre todos logramos en Galicia senón afirmando o que nos queda por facer”, engadiu remarcando que o seu partido presentará un proxecto para que os próximos catro anos Galicia siga mellorando con maior intensidade.
O líder dos populares galegos tamén precisou que, se foron quen de que «a nosa comunidade fose a mellor durante a crise e cando comezou a recuperación, con máis razón serán capaces de que mellore a un ritmo aínda maior agora que o crecemento se espera máis intenso».
Igualmente, subliñou que o primordial en calquera proceso electoral é «falar coa cidadanía, algo que o populares fan tamén cando non están en campaña pois, a diferenza dos seus rivais políticos, non teñen que coñecer Galicia nun curso rápido nin que darse a coñecer porque levan todo este tempo traballando por ela e con ela».
Segundo afirmou Feijóo, a comunidade é o que une e o que motiva ao PPdeG, que marca a diferenza sendo “o único equipo unido en Galicia e unido a Galicia”.
Así mesmo, subliñou que está orgulloso de que no Partido Popular de Galicia non haxa ningún compañeiro «mirando de reollo a outro, nin persoas pedindo que organicen as listas desde Madrid ou perdendo o tempo en “puentearse” uns aos outros».
“Non cambiamos Galicia por nada”, asegurou ao tempo que incidía en que os únicos problemas que deben ocupar aos populares son os que preocupan no día a día aos cidadáns.