Abel Caballero saudou aos 354 estudantes que acudiron nesta xornada na que traballarán diferentes contidos entre os que figuran os estereotipos e roles de xénero, a violencia simbólica, o ciberacoso, control e ciberviolencia en redes, as violencias sexuais e o empoderamento.
Este é un dos programas municipais en materia de igualdade pero non o único. A administración local tamén cede a 15 centros educativos a exposición itinerante ‘A violencia sexual na mocidade. Infórmate!’, dirixida ao alumnado de secundaria con 10 paneis informativos que abordan que é a violencia sexual e que estará a disposición de centros de ESO, Bacharelato e Formación Profesional.
Para escolares de Educación Infantil e Primaria de centros públicos da cidade, o Concello desenvolve o programa ‘Camiña con nós pola Igualdade’ con talleres temáticos que queren fomentar a educación en igualdade de oportunidades entre nenas e nenos.
Amais, o Goberno municipal ten en marcha tamén o ‘Obradoiro de Autoprotección para mulleres’, que oferta 16 prazas para as maiores de 18 anos empadroadas en Vigo e que lles proporciona coñecemento e habilidades básicas de autoprotección para mellorar a súa seguridade persoal e que, en palabras do rexedor, «ten moito éxito e demanda».
Por último, Caballero salientou as ‘Xornadas Co-educa: Coeducación para previr a violencia de xénero e para a promoción dunha cultura en igualdade’ que se celebra no Auditorio Mar de Vigo o 6 e 7 de novembro. Dirixidas a profesorado e comunidade educativa buscan fomentar a coeducación para previr a violencia de xénero.