Á fronte do proxecto ‘Ideas que suman’, Emilio Fernández definiu a súa proposta como “plural, non continuista, transformadora e cunha visión estratéxica e compartida para un futuro mellor para a Universidade”, e asegurou que o colectivo ao que representa “non é do goberno, nin da oposición, é só da Universidade de Vigo”.
Afrontar o presente, recuperando a ilusión; gañar o futuro e preservar a autonomía da institución, son os propósitos principais das persoas que participan neste proxecto, liderado por Emilio Fernández, que non agochou a dificultade que entrañou tomar a decisión de presentar a súa candidatura, aínda que recoñeceu a motivación que supuxo ser o punto de unión entre colectivos e persoas que nalgúns casos, “durante décadas estiveron en distintas trincheiras. É a primeira vez que os bloques non existen e créase algo novo”, asegurou, na presentación da diagnose e definición de prioridades de actuación da candidatura.
Para o candidato, que defende unha formación integral que poña en valor as humanidades e as ciencias sociais, xunto á comprensión das bases científicas e tecnolóxicas, a Universidade de Vigo atopase nunha encrucillada histórica que require dunha visión estratéxica compartida e unidade da acción para conducila a un horizonte de consolidación entre as universidades novas emerxentes.
“A Universidade de Vigo é forte e non está en declive. Non temos que ascender a Primeira División porque xa estamos na Primeira División das universidades novas e pequenas”, asegurou o candidato, que considera que o vindeiro Claustro debería discutir a elaboración dun Plan estratéxico, que analice o escenario no que se desenvolverá a institución os próximos anos.
Recuperar a ilusión
Co obxectivo de combater a perda de ilusión derivada, entre outros factores, da aplicación do decreto Wert, a hiperbrurocratización, a falta de expectativas de promoción e certos erros na xestión e falla de comunicación entre o goberno e a comunidade universitaria, Emilio Fernández asegura que “o novo goberno debe ter actitude de escoita e propostas de solución negociadas”.
Un plan de simplificación e axilización administrativa, xunto co deseño e desenvolvemento dunha política de profesorado estable, que garanta o cómputo real da docencia que o profesorado imparte en todos o niveis e o desenvolvemento dun plan de mellora da docencia, que contemple a revalorización do labor docente e un programa de formación do profesorado, son algunhas das medidas propostas neste ámbito, ás que se suman o deseño e desenvolvemento de plans específicos de apoio á investigación e transferencia e de empregabilidade do alumnado con reforzo de prácticas preprofesionais.
Gañar o futuro e preservar a autonomía da institución
Coa vista posta “no que queremos que a Universidade sexa nos próximos dez anos” e tendo en conta circunstancias como a caída da demografía e a posible incorporación ao sistema universitario galego de institucións académicas privadas, o colectivo liderado por Fernández, deseñou sete liñas estratéxicas co obxectivo de facer da Universidade de Vigo a da igualdade e a da e para a sociedade.
A profundización democrática da xestión e o desenvolvemento de accións destinadas á formación dunha cidadanía crítica, dunha política de profesorado e PAS que afronte o relevo xeracional, a atracción de talento da máxima excelencia e a internacionalización do estudantado, son outras medidas contempladas entre as prioridades da candidatura.
Co obxectivo de manter a saúde orzamentaria da institución a proposta encabezada por Emilio Fernández avoga por tres accións concretas: manter unha actitude proactiva na demanda de financiamento, sustentado en criterios baseados no cumprimento de obxectivos; a defensa da soberanía dos órganos de goberno e a cuantificación económica e avaliación de todas as medidas contempladas no programa de goberno.
“As medidas que propoñamos serán validadas desde o punto de vista da viabilidade e non proporemos nada que non estea validado economicamente. Non podemos enganar á comunidade universitaria”, asegurou Emilio Fernández.