Esta decisión pode abrir a porta a un diálogo entre ambas partes, que manteñían diferenzas ao respecto. Segundo asegurou a CIG-Ensino, os representantes da Consellería de Educación presentaron no encontro as conclusións do documento de traballo da comisión técnica pero só a título informativo e “sen aportar os datos” cos que se traballa.
Para instar a este necesario diálogo, a Comunidade Educativa de Vigo convocou para este venres unha concentración ás 19.00 horas na Farola de Urzaiz, co obxectivo de reclamar “diálogo real” e “consenso” na nova zonificación.
Os sindicatos lembran que a zonificación “afecta en primeira instancia ás familias, polo que debe ser consultada co Consello Escolar Municipal, no que todos os sectores están representados”.
Contra o que mantén a Xefatura Territorial, a Xunta de Persoal Docente si se considera competente neste tema, pois, ao ordenar os procesos de admisión e matrícula do alumnado, afecta claramente aos centros e postos de traballo do profesorado.
Ademais, ven “problemas no deseño das zonas, falta de solucións que fomenten o ensino público, ausencia de previsión de necesidades, aplicación desigual dos criterios enunciados, ausencia destes e demais informacións para a análise das adscricións”.