No acto de inauguración, Carmela Silva subliñou que “con estas obras damos resposta a unha demanda da veciñanza que se remonta a hai unha década. Na súa intervención tamén quixo recordar que “todas as instalacións dos centros educativos teñen que ser de primeira calidade, por iso aínda que na Deputación de Pontevedra non temos absolutamente ningunha competencia en educación, como administración pública temos que respostar as demandas da sociedade, particularmente no mundo do deporte e da educación, xa que son instrumentos fundamentais para conquerir a igualdade de oportunidades”. A presidenta da Deputación de Pontevedra engadiu que “hoxe Beade cumpre un soño, cunha pista de última xeración e vestiarios adaptados ao século XXI, dende hoxe ten as instalacións que merece.
Silva, volveu a manifestar a súa preocupación “polo estado de deterioro que presentan numerosos centros escolares debido ao abandono do necesario mantemento que non está a facer a Xunta de Galicia. É a súa responsabilidade, dixo a presidenta, que instou de novo ao goberno de Feijoo a “cumprir co seu deber”.
Pola súa parte, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitou a Carmela Silva polo seu compromiso coa cidade de Vigo e e congratulouse de que con estas obras “chegou a Beade o que tiña que chegar, estou moi orgulloso destas instalacións.”
A actuación supuxo o tratamento de 1.000,66 m2 de pista, cun acabado en parqué industrial de madeira. Tamén reformáronse por completo os vestiarios, incluíndo unha nova cuberta e cambiáronse todas as instalacións sanitarias. Amais, construíuse un novo aseo accesible. Está previsto que estas reformadas instalacións sexan empregadas polas mañás polo alumnado do IES de Beade e que polas tardes sexa xestionado pola concellería de Deportes para que poida ser empregado pola cidadanía de Vigo. As novas instalacións beneficiarán o club de fútbol sala da parroquia, presente no acto, que levaba demandando dende fai moito tempo unha pista en condicións.
Para rematar, Carmela Silva apuntou que espera “que aquí poidades crecer máis e mellor. Esta obra é un orgullo para o noso Goberno, xa que Beade é unha parroquia moi importante do concello de Vigo e este centro é unha referencia para a cidade».