Así, o partido reclamou ao Goberno local que faga cumprir a lexislación de ocupacións lucrativas da vía pública e dos elementos de mobiliario urbano. “Marea de Vigo-Son En Común considera que en Vigo existe unha deixadez absoluta do Concello en vixiar e cando menos facer cumprir as ordenanzas municipais que aplican aos usos particulares na vía pública. Desta volta unha empresa de alugueiro de patinetes eléctricos está a empregar os espazos públicos de aparcadoiros para bicicletas sen licenza nin permiso para facelo”, explican.
Calquera persoa que queira colocar unha estada, ter un vao ou cortar a vía pública ante unha obra ou mudanza ten que pagar taxas, polo que a formación non entende que iniciativas privadas “empreguen báculos de lámpadas con anuncios, ocupen de xeito irregular vías públicas con mesas e cadeiras e, agora, empreguen mobiliario viario dedicado gratuitamente a bicicletas para servizo de recollida e aparcadoiro de patinetes eléctricos da empresa privada Buny, que opera xa en Vigo con total impunidade por parte do Goberno local”.
Ademais, mentres a Dirección General de Tráfico (DGT) non regula claramente o uso de patinetes eléctricos e similares, para Marea de Vigo queda claro que non deberían circular polas beirarrúas e, de facelo, ten que ser a “paso de peón”. Do mesmo xeito, advirten de que a actividade de alugueiro e estacionamento dos patinetes nos elementos do mobiliario público “é unha actividade ilegal e polo tanto o Concello debe retirar inmediatamente estes elementos que xa están presentes en case todos os espazos públicos reservados para bicicletas”.
Igualmente, o partido que lidera Rubén Pérez segue a denunciar que se permitan “con total impunidade” os incumprimentos da ordenanza que regula a ocupación de vía pública con terrazas hostaleiras, xa que en Vigo non están permitidas as terrazas permanentes -a ordenanza obriga a recoller todas as noites os elementos, retiralos da vía pública e mesmo limpar o espazo que ocuparon- e non se compren os espazos de tránsito de viandantes en centos de terrazas. “Unha nova ordenanza que regulara o uso de terrazas permanentes a cambio dunha taxa pola cesión temporal de espazo público e dar saída final a ordenanza de mobilidade sostible serían unha boa solución para evitar esta situación de alegalidade permanente”, conclúe Marea de Vigo-Son en Común.
En #vigo agora mesmo. A vía pública é de todxs. Se queres facer negocio con ela pois pagas por ocupación. Ocupas vía pública co teu negocio, empregas mobiliaro público destinado a bicis. O que lle chaman economía colaborativa é as veces parasitar o público e os dereitos laborais pic.twitter.com/wDy4eZKo9S
— Rubén Pérez Correa (@rubenperezEU) September 1, 2019