Na misiva o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia indícalle ao rexedor que «sería moi positivo poñer información en común e intercambiar puntos de vista para, tendo a responsabilidade de defender o mellor para Vigo e para Galicia atopar unha solución que sume para acadar este anhelo común”.
Para iso, o conselleiro proponlle ao alcalde unha reunión esta mesma semana, no momento no que mellor encaixe nas súas respectivas axendas. Explica a Xunta nun comunicado que quere acadar «un acordo dialogado arredor dunha candidatura gañadora e de consenso, tendo moi en conta que as Illas Cíes son un elemento esencial e principal dentro de todo o que representa o Parque Nacional das Illas Atlánticas». Engade tamén que xa se fixeron xestións no Ministerio para avaliar a posibilidade de reformular a candidatura, inicialmente elaborada pola Consellería de Medio Ambiente e a resposta foi afirmativa.
«Antes de dar este paso, é necesario estudar detidamente as posibles modificacións a introducir, as posibles achegas do concello de Vigo e a opinión dos outros tres concellos con territorios incluídos no Parque das Illas Atlánticas. De feito, está previsto que o conselleiro se reúna a próxima semana co resto dos alcaldes», explica a Xunta.
En calquera caso, a Consellería asegura que disponse de tempo suficiente para «dar todos os pasos precisos, sen precipitación nin xerar malos entendidos que poderían prexudicar a candidatura e afectar ao obxectivo común».