Esta actuación supón un investimento total de tres millóns de euros, dos que a Deputación de Pontevedra achega o 60%, isto é, 1.800.000 €. A sinatura do convenio de colaboración co Concello de Vigo, que foi aprobado esta mesma semana polo Pleno, tivo lugar no parque da rúa Emilia Pardo Bazán. En canto a este investimento, Carmela Silva sinalou que “hoxe é un día moi importante para min como Presidenta da Deputación provincial e non se me ocorre un xeito mellor de acabar o ano ca este, porque hai moitos anos que viñamos sabendo, e escoitando por parte da veciñanza deste lugar, a demanda histórica de que esta vía fose humanizada”. “Quixemos asinar o convenio neste lugar”, afirmou, “como un xesto do compromiso que temos con todas as persoas que viven aquí”.
A presidenta lembrou que con esta actuación, cuxas obras comezarán en 2017 “e rematarán en 2018” debido á súa magnitude, “vaise ver cumprido un dereito da xente”, en concreto “o dereito a vivir en espazos dignos, de calidade, con seguridade e que faciliten a mobilidade”. Carmela Silva quixo agradecer “tanto ao deputado responsable das Infraestruturas e de Mobilidade, Uxío Benítez, como ao de Cooperación, David Regades, polo seu traballo, sendo partícipes en primeira persoa para que este proxecto sexa posible”.
Pola súa parte, o rexedor de Vigo, Abel Caballero, asegurou que “a cidade de Vigo leva ata 50 anos esperando por isto, e mesmo me lembro de cando se facían manifestacións reclamando que a Deputación actuase nesta estrada pero a súa resposta era mirar cara a outro lado”. Por iso, asegurou, agradeceu á Deputación de Pontevedra porque “este é un convenio de xustiza e un avance histórico”, pola “liña de cooperación entre a institución provincial e o concello de Vigo” e por ser “o motor do conxunto da provincia, que destina as súas achegas a onde estas teñen que ir, que é cara ás persoas”.
A avaliación do persoal técnico puxo de manifesto a necesidade de pavimentación e reorganización de usos do viario. Ademais, as súas redes de abastecemento precisan ser renovadas xa que algúns tramos teñen materiais obsoletos e, no caso do saneamento, tramos en mal estado cun alto índice de avarías. Grazas a este convenio, realizaranse investimentos ao longo de preto dun quilómetro que permitirán reordenar os espazos equilibradamente e favorecendo aos peóns, renovarase e melloraranse os servizos para vehículos e persoas residentes, mellorarase a seguridade viaria e a concienciación medioambiental, renovaranse as redes de saneamento, abastecemento e alumeado e conseguirase unha mellor calidade de vida dos usuarios e das usuarias desta vía. Este investimento conta cun financiamento de 3.000.000 €, dos cales a Deputación de Pontevedra aporta un 60%, isto é, 1.800.000 €, entre 2016 (770.000 €)e 2017 (1.030.000 €). Os 1.200.000 € que corresponden ao concello de Vigo achegaraos entre 2017 (242.579,70 €) e2018 (957.420,30 €).
En canto á cesión ao concello deste viario, salientar que pode asumir a titularidade municipal xa que os treitos adquiriron a condición de urbanos e, con esta cesión, que terá lugar despois da execución do proxecto de humanización, permitirase garantir o mellor mantemento da estrada así como conseguir un control máis directo sobre a mesma que evitará posibles ocupacións indebidas do dominio público.