Tanto a presidenta como o alcalde de Vigo fixeron fincapé en que a intervención responde a unha demanda histórica da cidade, que quedará resolta nun ano, prazo no que estarán rematados os traballos. Neste eido, Carmela Silva subliñou que “a veciñanza non podía entender como se humanizaba toda a cidade de Vigo e esta rúa –oficialmente chamada Emilia Pardo Bazán- quedaba sen ter unha actuación para devolver o espazo público para a xente, con criterios do século XXI, acondicionada para o uso e goce da cidadanía”.
Ao respecto, a presidenta provincial recordou que “isto acontecía porque o anterior goberno da Deputación de Pontevedra, que é a institución que ten competencias nesta estrada, non actuaba na estrada por máis que o demandaban a veciñanza e o Concello de Vigo”. “Por iso hoxe síntome moi feliz, como presidenta da Deputación e viguesa, porque nuns meses este espazo quedará irrecoñecible”, confesou.
O alcalde de Vigo, pola súa banda insistiu en que “xa fai 35 anos que a cidadanía viña pedindo esta actuación e tivemos que esperar ata que Carmela Silva comezase a gobernar na Deputación para que este proxecto se fixese realidade”.
A actuación a desenvolver na estrada provincial, que foi adxudicada á empresa COVSA, consiste na renovación das redes de abastecemento (que nestes momentos conta con materiais obsoletos), de saneamento (polo alto índice de avarías) e de alumeado. Ademais reordenaranse os espazos de xeito equilibrado, favorecendo a mobilidade da cidadanía e recuperando a rúa para a veciñanza.
Entre as novidades do proxecto da estrada provincial atópase a conexión entre a rúa Emilia Pardo Bazán coa avenida de Madrid a través de ramplas e escaleiras, a instalación de novas infraestruturas deportivas para ‘crosstraining’, o parque alameda Andrés Grao e plataformas elevadas para a comunicación peonil entre estes dous equipamentos lúdico-deportivos. Tamén está previsto colocar unha placa-panel con referencias históricas de Emilia Pardo Bazán e a instalación de 94 árbores e xardineiras.