Os afectados sinalaron que o risco de deterioro económico e social deste espazo «será importante se o edificio non mantén ningunha actividade, o que se está a evidenciar pese ao pouco tempo transcorrido, o que suporía a ruína económica dos pequenos negocios e o deterioro urbano da zona».
Por outra banda, incidiron en que a área de Vigo necesita numerosos recursos sanitarios que actualmente non dispón polos recortes sanitarios, e na súa opinión o actual edificio suporía un espazo apropiado para situalos sen custos inasumíbeis. Propoñen como alternativas instalar alí un Centro de Atención Primaria, un Servizo de Urxencias Extrahospitalario, un Centro de Orientación Familiar, un Servizo de Rehabilitación Extrahospitalario, un Centro de Alta Resolución e un Servizo de Ciruxía Maior Hospitalaria.
O alcalde, Abel Caballero, tamén se pronunciou este xoves sobre o destino da torre do Xeral e sinalou que xa traballan dende o Concello na busca de usos para a dotación. «Cando chegue o momento xa o diremos, pero o peche supón un dano no ámbito comercial nunha parte importante da cidade», sinalou.