«O Concello de Vigo pretende cegarnos coas súas luces de Nadal para que non vexamos a miseria e o sufrimento que a política social deste Concello provoca na cidadanía. A tal fin, non dubida en gastar case un millón de euros en decoración de Nadal mentres moitas veciñas sofren graves problemas económicos e carencias de todo tipo que non lles permiten satisfacer as súas necesidades básicas», sinalaron.
A Asemblea asegura que o Concello «prefire deixar nas sombras a realidade cotiá, antipática e pouco fotoxénica». De feito, sinala que o goberno de Abel Caballero pretende construír «un modelo de cidade escaparate, fermosa pero pouco humana, unha sorte de gran parque de atraccións para turistas baseado no consumismo».
Por outra banda, denuncian que «non hai cartos nin vontade» para combater «problemas tan reais como a subida constante dos alugueres ou a pobreza enerxética ou para impedir o peche da oficina de atención aos migrantes».
Por contra, destacan que o Concello «está a pagar millóns de euros en indemnizacións a grandes empresas privadas, como as concedidas aos aparcadoiros subterráneos ou ao ruinoso auditorio Mar de Vigo» e acúsao de «seguir facendo negocio coa política social ao destinar millóns de euros a esas grandes empresas que xestionan os servizos sociais máis básicos».
Por último, compara o gasto de case un millón de euros na iluminación e o orzamento para outras cuestións relacionadas coa política social: «Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 139.000 euros de orzamento que destina ao albergue municipal nese mesmo período, fronte aos 160.000 euros a axudas extraordinarias a familias sen recursos, fronte aos 12.000 euros á teleasistencia para maiores, fronte aos 50.000 euros a axudas para pagamento de facturas eléctricas, fronte aos 77.000 euros a axudas de emerxencia para alimentos e produtos básicos, fronte aos 160.000 euros a axudas de libros, material escolar e comedor, fronte aos 16.665 euros a axudas á calidade e mellora do emprego da mocidade, fronte aos 2.000 euros a axudas para mulleres vítimas da violencia machista, fronte aos 36.250 euros de a museos, patrimonio histórico e biblioteca».