Nun manifesto publicado no segundo aniversario da loita veciñal na rotonda, o colectivo reiterou na súa inocencia e insistiu na falta de probas aportadas pola acusación de cara o xuízo do próximo 17 de xaneiro.
«Lores enfróntase a unha pena de tres anos e medio de prisión e 30.356 euros de responsabilidade civil pola denuncia dun axente municipal, que o acusa sen probas de agredilo e lesionalo», explica a Asemblea de Coia.
Os feitos ocorreron o pasado 15 de decembro de 2014 durante unha das cargas policiais contra a veciñanza. “Diego sempre foi unha das caras máis visibles da loita da rotonda de Coia, polo que creemos que o seu procesamento non é casual. Pretenden que pague por toda a veciñanza, para que quede claro que sucede coas voces disonantes”, consideran desde a Asemblea Aberta, e recordan que iniciaron a protesta pacífica contra este “proxecto megalómano e esperpéntico” porque representaba “un insulto e unha provocación” ante a falta de fondos para emerxencias sociais.
O comunicado sinala o “cúmulo de contradicións e incongruencias por parte da acusación particular (a Policía Local)” durante toda a instrución do procedemento. «De feito, a propia Fiscalía determinou en dúas ocasións que non existen indicios de delito, polo que pediu o sobresemento do caso. O Ministerio fiscal determinou que as probas aportadas eran insuficientes e que non queda acreditado debidamente que por parte do acusado se cometese a infracción criminal da que se lle acusa”, engade a Asemblea.
Por estes motivos, centos de artistas, representantes públicos e profesionais de todos os ámbitos veñen de amosar o seu apoio e solidariedade coa absolución de Lores. “O que nós berrabamos hai dous anos, seguímolo berrando agora: as nosas armas son a razón, as arelas de xustiza social, a utopía dun mundo mellor. Non precisamos nin da forza nin da violencia”, apuntan desde o colectivo veciñal, que sufriu numerosas multas e detencións, así como a condena do activista Xurxo Romero, pola súa defensa dos dereitos sociais da veciñanza de Vigo simbolizada na rotonda do Alfageme.