Na rolda de reunións que mantén o alcalde de Vigo para abordar a Área Metropolitana, este martes recibiu aos seus homólogos de Moaña, Leticia Santos; Cangas, Xosé Manuel Pazos; Tomiño, Sandra González e Mondariz, Xoán Carlos Bugarín, nos que encontrou un «consenso total» sobre a necesidade de proceder con urxencia na reforma da Lei de Área Metropolitana en base ao borrador defendido polo goberno vigués.
Segundo Caballero, hai acordo cos alcaldes e alcaldes «nas competencias e a forma de levalas adiante, na forma de gobernar a Área e que se faga a constitución con 14 municipios e que inmediatamente ampliemos a 20 antes de tomar ningunha decisión», incluídas as que afecten ao transporte metropolitano. Ademais, concordan no feito de que a participación nas competencias sexa voluntaria e que sexa a Asemblea do ente supramunicipal quen decida o calendario de entrada en funcionamento desas competencias.
Abel Caballero expresou que, nestes momentos, o acordo é pleno cos alcaldes e alcaldesas de 14 municipios que representan o 86% da poboación e que son Moaña, Cangas, Tomiño, Mondariz, Ponteareas, Salceda de Caselas, Tui, Gondomar, Nigrán, Porriño, A Guarda, Vilaboa e Fornelos e sinalou que faltan seis concellos por dar a súa opinión sobre o proxecto «todos gobernados polo Partido Popular»: Redondela, Mos, Soutomaior, Baiona, Salvaterra de Miño e Pazos de Borbén, reiterando o seu ofrecemento de recibir a «calquera alcalde que queira reunirse comigo».
En opinión do alcalde de Vigo «a Área Metropolitana é un salto e un paso histórico neste territorio; cambia todos os municipios, mellora de forma substancial os concellos, vai aforrarlles recursos e significará que podemos ir xuntos e coordinados. A Área Metropolitana é para os cidadáns, para os case 600.000 habitantes desta zona de 20 concellos e dos que se queiran unir». Por iso, apunta que agora que o proxecto ten acadado un consenso «importantísimo» instamos ao presidente da Xunta a que «tome decisións e leve inmediatamente a reforma da Lei de Área Metropolitana de acordo co borrador que lle envío ao Parlamento de Galicia».