A sentenza considera a ambos “autores penalmente responsables dun delito de maltrato a autoridade coas penas, a cada un deles, de un mes de multa con responsabilidade penal subsidiaria dun día de privación de liberdade por cada dous de impago, e coa imposición do pago das custas procesuais”.
Silva lembrou que “aínda que as dilixencias previas incoáronse por un delito de inxurias graves con publicidade a autoridade pública, fun eu quen cursou instrucións concretas o asesor xurídico da Deputación, ante o recoñecemento dos feitos dos denunciados nas declaracións en fase de instrución, para buscar, de ser posible, unha penalidade mais leve, pois nunca estivo na miña intención exercitar unha sorte de vinganza punitiva pouco acorde co meu carácter e co meu xeito de entender o exercicio da actividade política.”
Aínda así, dixo a presidenta provincial, “con esta sentenza pechase un incidente tan grave como desagradable, que eu tiña a vontade de non deixar pasar coa única finalidade de desaconsellar condutas análogas que no futuro puideran producirse. Para iso tivemos incluso que recorrer a Audiencia Provincial en recurso de apelación para que revocase a decisión do arquivo da causa.”
Carmela Silva insistiu en que “nada xustifica o insulto, e moito menos insultos tan graves e vergoñentos como os que tiven que sufrir, simplemente polo feito de ser muller, pero quero deixar moi claro que son milleiros de mulleres as que están a soportar episodios parecidos, pero que non teñen a oportunidade de dicilo coa repercusión que eu teño por ser cargo público. Por iso eu tiña a obriga de chegar ata o final neste lamentable asunto”.
Os feitos remóntanse a febreiro de 2016, cando o concelleiro do PP de Moraña Jorge Caldas chamou “mala zorra” e “sinvergüenza” a través de varios comentarios nas redes sociais, dentro de publicacións feitas por un particular, o tamén condenado Daniel Monteagudo. Despois de que o caso transcendera publicamente Caldas viuse obrigado a dimitir, pero Carmela Silva non considerou suficientes as súas desculpas.