A infraestrutura, lembrou o rexedor, é unha «gran demanda histórica da cidade» que xa fora anunciada anteriormente mais o alcalde considera a súa construción «irrenunciable» e «tan importante» que permanecerá «moi atento» ao seu cumprimento.
«Se o anuncio vai en serio, terá todo o meu aplauso, todo, pero ten que ir en serio», explicou. «Se nós vemos que este anuncio do señor Rajoy vén acompañado de feitos, é dicir, de partidas orzamentarias, de proxecto e de obra, terá o noso saúdo entusiasta, porque é importantísimo», anotou.
O alcalde garantiu «apoio e colaboración» ao Goberno de España para levalo adiante: «ten que ir en serio, non pode ser un anuncio electoral».
AVE Vigo-Madrid
«Queremos feitos; a nosa desconfianza é grande», apuntou o alcalde, en referencia a que, na visita deste luns, o presidente do Goberno non pronunciou «nin unha soa palabra» sobre o AVE directo Vigo-Madrid.
Caballero denunciou que a Declaración de Impacto Ambiental para un tramo de tres quilómetros leva «metida nun caixón» do Goberno de España desde hai cinco anos, e tería «coste cero» para o Goberno de España.