Viña a falar do Hospital Álvaro Cunqueiro pero acabou contando a súa visión da cidade, narrando as anécdotas da xuventude de Abel Caballero e opinando sobre a labor dos xornalistas. Xosé Manuel Beiras ofreceu este xoves en Vigo unha das roldas de prensa máis largas que se recordan. Invitado por Marea de Vigo e acompañado polos concelleiros Rubén Pérez, Margarida López e Xosé Lois Jácome, o voceiro de AGE respondeu durante case hora e media a una interminable batería de preguntas que variaron dende a política nacional ata a local ou as acusación de ser “antivigués” por non apoiar a Lei do Solo para facilitar proxectos públicos na cidade.
“Lamentablemente Abel non sabe o que é Vigo. El é de Ponteareas, non? Pois a miña nai era de Vigo e eu pasei a miña infancia en Vigo”. Así respondeu Beiras ante a pregunta sobre as declaracións de Caballero respecto a posición de AGE na aprobación da Lei do Solo na Cámara galega. “Vigo é o Berbés, é Coia, a xente do común, Vigo non é a dirección de Citroën. E por certo, a dirección de Citroën está bastante enfadada porque a utilizaron para isto, así nolo dixeron”, apuntou en referencia a ampliación da factoría de PSA mediante a nova lei de proxectos públicos.
Tamén arremeteu contra o “viguismo” do presidente da Xunta de Galicia. “Dende logo Vigo non é Alberto Núñez Feijóo. Este non sabe de onde é, porque é dos Peares (Ourense), pero ten complexo”, dixo antes de rematar apuntando que “iso non é Vigo, nin é Galicia nin é nada, iso é o restoballo, a costra que aboia nas cubas electrolíticas onde faise o aluminio, mentres abaixo fúndese o aluminio metal que é a cidadanía”.
Beiras tamén falou da sú etapa como decano na Universidade cando Abel Caballero era estudiante na mesma promoción de Emilio Pérez Touriño. O deputado galego destacou o “aprecio” que ten polo alcalde vigués e rememorou a súa detención durante as folgas obreiras do 1972 sendo membro do Partido Comunista e as recomendacións para que fose a estudar a Essex e Cambridge.
“Era un alumno moi brillante e o apoiamos na universidade”, lembrou sen querer entrar a valorar a súa traxectoria política actual. “O resto xa o sabedes, eu téñolle un enorme aprecio e lembranzas entrañables”, apuntou Beiras.
Na mesma comparecencia tamén aportou a súa visión sobre os xornalistas e o seu traballo nos medios de comunicación, apuntando que ante as censuras só hai tres opcións. “Pegarse un tiro, cambiar de profesión ou defender o seu traballo e dicirlles aos xefes que non sodes escravos”, apuntou.