O Pleno da Corporación Municipal de Vigo acordou este mércores instar ao Goberno do Estado a realizar as accións oportunas que permitan aos concellos por onde transcorre a AP-9 reclamar o pago íntegro da taxa do Imposto de Bens Inmobles (IBI) por parte da concesionaria Audasa.
A empresa que xestiona a Autopista do Atlántico unicamente paga ao Concello de Vigo 16.800 euros ao ano grazas a unha lei de 1973, segundo desvelou o concelleiro Jaime Aneiros. En realidade, a concesionaria debería pagar un total de 336.000 euros anuais, pero as bonificacións permítenlle escamotear máis do 90 por cento da taxa de IBI.
Na moción presentada por Marea de Vigo, tamén foi aprobada a elaboración por parte do Concello de Vigo dos informes económicos e xurídicos pertinentes para levar a cabo dita reclamación e trasladar o acordo aos grupos parlamentarios no Congreso e no Parlamento Galego.
Os tres grupos municipios votaron a favor da proposta defendida polo concelleiro Rubén Pérez. O voceiro da Marea sinalou que «estamos ante unha herdanza do franquismo» e destacou que Audasa goza «dun beneficio tributario que, en definitiva, é un copago inxusto para a veciñanza dos municipios polos que atravesa a autoestrada».
Miguel Fidalgo, concelleiro do PP, indicou que o seu partido está «de acordo con eliminar este absurdo privilexio, xa aprobado no Parlamento de Galicia» e sinalo que lle parecía «correcto que Audasa pague o IBI e non perdamos impostos e unha empresa que non se porta ben cos vigueses».
Ademais, o concelleiro socialista Jaime Aneiros explicou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, xa reclamou no ano 2009 o pago do imposto e a compensación. «Estamos ante unha herdanza do PP, dunha concesión prorrogada por José María Aznar e o ministro Arias Salgado», afirmou.