A partir do vindeiro día 1 de marzo, os servizos do Punto de Atención Continuada que ata agora se prestaban en dous dispositivos, no centro de saúde de Bolivia e no de Coia, vanse unificar no edificio anexo ao Hospital Xeral (Anexo II), na rúa Pizarro 22. En primeiro lugar, o día 29 de febreiro trasládase o PAC de Bolivia, e, ao día seguinte, o 1 de marzo, o de Coia
Participación dos profesionais
Segundo informou a Xunta, o Punto de Atención Continuada (PAC) é o dispositivo físico e funcional no que se presta a atención urxente, tanto médica como de enfermería, no ámbito da atención primaria. O seu horario de funcionamento é de 15.00 horas ás 8.00 do día seguinte os días laborais; mentres que sábados, domingos e festivos, presta asistencia durante as 24 horas do día.
O novo PAC de Vigo situase nas dependencias anteriormente ocupadas polas Urxencias Hospitalarias de Pediatría. O Sergas tivo que realizar unha obra co obxecto de adaptar a estrutura ás novas funcionalidades.
No seu deseño físico e funcional participaron os profesionais. Así, a EOXI de Vigo constituíu un grupo de traballo, no que estaban representadas todas as categorías profesionais, que participou activamente no deseño, tanto da estrutura e disposición dos espazos como dos circuítos asistenciais. Neste senso, o director de Procesos Asistenciais da EOXI de Vigo, Julio García Comesaña, quixo agradecer e felicitar publicamente “o esforzo e implicación deste grupo modélico”.
As novas instalacións dispoñen dun Box de Reanimación para pacientes inestables con dotación específica, e unha Sala de Tratamentos respiratorios con cinco postos. Ademais, contan con unha consulta de Tríaxe, 6 consultas médicas, 2 consultas de enfermería, 5 Boxes, un Gabinete, un Box de illamento, dúas salas de Observación con 8 postos, unha sala de traballo medico e un control e traballo de enfermaría. Dispón tamén de áreas administrativas e de descanso, e salas de espera e aseos diferenciados. A dotación complétase con almacéns de material sanitario, lenzaría e farmacia
Novas prestacións radiolóxicas
García Comesaña explica que “trátase dun dispositivo con gran capacidade de Resolución, xa que dispón dos medios e recursos axeitados, tanto estruturais, humanos e de equipamento, para realizar todos aqueles procedementos diagnósticos e terapéuticos no ámbito da atención primaria que permitan incrementar a súa capacidade resolutiva para que, sempre e cando sexa posible, o paciente saia do centro co seu problema resolto, e que so se deriven ao hospital os casos que realmente necesiten atención hospitalaria”-.
En definitiva, reiterou, “o obxecto é o de resolver a meirande parte dos problemas no propio dispositivo sanitario, e que a derivación ao seguinte nivel asistencial, aos hospitais, de seren necesaria, se produza dun xeito mais racional e en mellores condicións”-.
Neste senso, ademais dos procedementos diagnósticos propios das Urxencias de atención primaria como electrocardiografía, esfignomanometría, otoscopia e oftalmoscopia, a súa carteira de servizos increméntase coa incorporación de novas prestacións radiolóxicas e a realización dalgúns procedementos analíticos. Así, vanse realizar no PAC todas as probas de radioloxía simple, placas de abdome, tórax e exploracións osteoarticulares. Na área analítica, efectuaranse os estudos simples de ouriños, test de infeccións de gorxa, entre outros.
Garantir a presenza continua de facultativos
Outra das vantaxes é o aumento da accesibilidade. A centralización da atención das urxencias nun dispositivo único, ademais de unificar e clarificar a información á poboación, permite ofertar unha prestación asistencial continuada. A dispoñibilidade centralizada de recursos garante a presenza continuada de médicos xerais e persoal de enfermería no dispositivo, de xeito que, se algún profesional sanitario ten que acudir a prestar atención domiciliaria, sempre quedará persoal suficiente no centro, xa que cada quenda de traballo contará, como mínimo, con 4 médicos e 4 profesionais de enfermería.
Isto ven posibilitado polo dimensionamento do seu cadro de persoal, integrado por 79 profesionais: 31 facultativos, 28 profesionais de enfermería e 20 efectivos de persoal non sanitario (persoal de servizos xerais, celadores, condutores…).
Máis de 59.600 pacientes atendidos
No referido a súa actividade asistencial, os dous dispositivos de Urxencias Extrahospitalarias de Vigo atenderon, o pasado ano, a 59.635 pacientes; 33.333 no PAC de Bolivia e 26.302 en Coia. Destes, tan só un 8,22% foron derivados ao hospital; isto é, que os profesionais do PAC resolveron máis do 90% das urxencias. A media diaria de atención é de 163,3.
Por grupos de idades, o 72% destas atencións corresponden a pacientes con idades comprendidas entre 15 e 64 anos; o 24,5% aos maiores de 64 anos; e o 3,3% restante aos menores de 14 anos. Os días con maior actividade son os domingos, cunha media de 379,3 atencións, e os festivos, con 426 atencións.
No último estudo realizado pola EOXI de Vigo, no que se compara o comportamento das urxencias hospitalarias coas do PAC vigués nos últimos meses, ponse de manifesto como, mentres que os días laborais, os vigueses que necesitan atención urxente achéganse máis ao hospital, os domingos e festivos se invirte esta tendencia e os cidadáns de Vigo acoden en maior medida ao PAC, nunha proporción de 62,3% fronte ao 37,7% (os festivos); e de 58,1% fronte a 41,9 os domingos. “Este é un dato moi significativo –explica Julio García- xa que pon en valor o peso, cada vez maior, deste servizo sanitario, valorado polo usuarios con altos índices de satisfacción. Ademais, a partir de agora, o seu novo emprazamento e accesibilidade, as súas renovadas instalacións e o incremento da súa capacidade resolutiva, o fan aínda máis atractivo para os vigueses.
Servizos asistenciais no Anexo II
En definitiva, coa incorporación das Urxencias Extrahospitalarias ao Anexo II, este centro sanitario disporá dos seguintes servizos: a actual Unidade de atención primaria de Bolivia; Unidade de reprodución asistida; Consulta de Esterilidade; Centro de Orientación Familiar (COF); Unidade de fisioterapia (ambulatoria), e Unidades de Saúde Mental de Coia, A Doblada e Lavadores.