Segundo anunciou en Vigo a representación do cadro de persoal, a mobilización dará comezo ás 07:00 horas do 26 de outubro e afectará a eses cinco establecementos da provincia, co cal están chamados ao paro un total de 65 traballadores.
A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernádez, explicou que esta medida de presión chega despois de que Bershka se negase, ao igual que Kiddy’s Class, a equiparar laboralmente ao persoal pontevedrés. “Pedímoslle unha xuntanza a Inditex para negociar unhas condicións a escala nacional e accederon a facelo cadea por cadea unha vez que os traballadores levaron a cabo mobilizacións; en case todas chegamos a un acordo, menos no caso de Bershka e Kiddy’s Class, polo que non descartamos convocar protestas proximamente tamén na marca de roupa infantil”.
Os representantes do comité indican que os aspectos que o persoal de Bershka pretende mellorar abranguen cuestións relativas á xornada laboral, pluses e retribucións, permisos e excedencias, lactancia, vacacións e incapacidade permanente.
En canto á xornada, reclaman a consolidación en aumento de xornada do 15% do total das horas complementarias feitas cada ano no conxunto da provincia, asignando este aumento por criterio de antigüidade; un sábado libre ao mes e un máximo de tres peches semanais para todo o persoal (co obxectivo de rematar coa discriminación que sofren os empregados con contrato a tempo parcial); e establecer unha pausa para o café de 10 minutos diarios, a maiores dos descansos recollidos na lei.
Pluses, permisos e incapacidade
No que respecta a pluses e retribucións, o comité pretende fixar un plus de 80 euros ao mes para todas as xornadas, en 16 pagas, e revisable o 1,5% anual; establecer outro plus de empresa de 50% euros mensuais para a xornada máxima, mentres que o resto de xornadas ingresarían a cantidade proporcional (tamén sería en 16 pagas e revisable ao 1,5%); marcar un incentivo do 1,6% para os encargados, o que suporía un recoñecemento da responsabilidade que desenvolven na tenda, cunha porcentaxe da venda tal e como perciben as primeiras e segundos encargados; un abono de 90 euros na nómina de setembro en concepto de axuda escolar; e un pago de 150 euros por nacemento ou adopción de fillo.
No referente a permisos e excedencias, as reclamacións pasan por introducir un permiso non retribuído, de 15 días a tres meses, para traballadores con antigüidade mínima dun ano na empresa; e excedencia voluntaria con reserva do posto de traballo durante o primeiro ano de duración da mesma. En canto á lactancia, a intención é establecer o dereito a 35 días naturais para as traballadoras con xornadas de 40 horas semanais e a 39 para as de xornadas de 27 a 30 horas. En materia de vacacións, a petición pasa por garantir 14 días entre xullo e agosto para todo o persoal.
Por último, no que ten que ver coa incapacidade permanente, o comité quere que sexa posíbel revisar a situación de incapacidade en calquera dos graos por melloría ou curación, tendo dereito o traballador nesta situación a reincorporarse á empresa sempre que esta revisión se produza dentro dos tres anos seguintes á extinción da vida laboral.