O orzamento da mellora integral da vía ascendeu a 57.071,65 euros, sendo adxudicada á empresa Excavaciones y Construcciones Manuel Pérez Portela, que comezou os traballos hai varias semanas e finalizará dentro do prazo de execución previsto.
O obxecto da actuación consistía en limpar, rozar e reperfilar os noiros de ata catro metros de altura e marxes da estrada, así como rehabilitar a capa de firme dun treito de preto de 700 metros da vía (entre os puntos quilométricos 5+630 e 6+260) e instalar nova sinalización horizontal. Segundo apuntou o deputado Uxío Benítez, a mellora do asfalto para esta vía fora obxecto dun contrato adxudicado en novembro de 2014 que fora paralizado polo anterior goberno provincial, deixando sen facer ningún tipo de obra de mellora.
A partir de entón, o estado do firme empeorou considerablemente, polo que os servizos técnicos do departamento de Mobilidade consideraron que era precisa unha actuación. Dada a situación do firme foi preciso incluír unha eliminación parcial da capa de rodaxe existente (non prevista no proxecto anterior). Por este motivo, e dado o tempo transcorrido coa obra paralizada, solicitouse a resolución do contrato, redactouse un novo proxecto e formalizouse unha nova contratación.