Esta foi a reacción do gobierno local vigués logo de que o responsable da Xunta na cidade acusara este martes ao Concello dos retrasos na apertura das escolas infantís de Navia e Mestres Goldar (Castrelos). «O señor López Chaves esquece que esta administración local leva máis dun ano esperando a autorización da Administración Autonómica, despois de que teñan posto atrancos mes tras mes. A tramitación da Xunta de Galicia nesta cuestión ten moitos cualificativos, pero a dilixencia non esta precisamente entre eles. Sen ir máis lonxe, o último dos requerimentos facía referencia a falta de rotulación nos centros educativos; un cartel impedía a apertura das escolas infantís», sinala o Concello nun comunicado.
«O delegado da Xunta debe pensar que os cidadáns de Vigo son ignorantes e o que non conta e que é precisamente a presión do Concello de Vigo a que obriga a apertura destas escolas infantís, tras terllo reclamado en innumerables ocasións, por escrito, por teléfono, en roldas de prensa… Iso si, para dicir que esta autorizada a súa apertura envían un correo electrónico, volve a ser unha sinvergüencería política», engade a nota firmada polo «goberno local» de Vigo.
A polémica ven dada polo retraso na apertura das escolas. Ignacio López-Chaves asegurou que “unha vez que o concello emendou as graves deficiencias que tiñan as escolas”, o informe dos técnicos confirma o visto bo ao Permiso de Inicio de Actividade.
Na resposta o Concello apunta que «esquece tamén o señor López Chaves que o Concello de Vigo é o que esta a asumir o custe íntegro destas dúas escolas infantís así como o seu mantemento, e que nos últimos anos este Concello foi incrementando as prazas de escolas, dando resposta a demanda cidadá, a pesares de que as competencias en educación corresponden á Xunta de Galicia. Pasamos de 302 prazas en 2007 a 620 prazas, adicando 1,7 millóns de inversión neste 2016».
«Esixímoslle ao delegado da Xunta en Vigo que se desculpe con todas as familias que levan esperando un ano pola apertura das escolas pola desidia da Xunta de Galicia. Que se desculpe con eles e que explique cales son as razóns reais polas que non quixeron autorizar antes a súa apertura, dado que a Administración Autonómica non aporta nin un solo euro sendo financiadas integramente polo Concello de Vigo», remata o comunicado de prensa do Concello.