As clases impártense entre os meses de setembro e decembro e o alumnado divídese en catro grupos cun máximo de 15 estudantes por quenda. Os tres primeiros grupos comezaron as clases esta semana, un no Pazo Provincial de Pontevedra, e outros dous un de mañá e un de tarde, na sede da institución provincial en Vigo. A clases da cuarta quenda, tamén na cidade olívica, impartiranse dende o 27 de novembro ata o 20 de decembro.
As prazas ofertadas completáronse en apenas en un mes e o alumnado do curso está composto por persoas procedentes de 11 países entre os que están Marrocos, Brasil, Nixeria, Ghana, Costa de Marfil, Senegal, Serra Leona, Romanía, Reino Unido, Rusia e Ucraína, cunha formación previa básica en lingua española.
Os cursos, que serán integramente subvencionados pola Deputación incluíndo tamén as taxas de matrícula do DELE, serán impartidos por persoal docente do Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo.
En xeral, mediante esta formación prepararase ás persoas inmigrante para poder realizar probas de compresión de lectura, de comprensión auditiva, de expresión e interacción escrita e oral.
Segundo a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, o DELE é unha proba que esixe unha preparación previa, “e isto ten un custo económico asociado, que para algunhas destas persoas é difícil afrontar economicamente” polo que esta iniciativa “facilita que todas estas persoas, en situación administrativa regular e que residen entre nós, teñan a posibilidade de acceder á preparación do DELE en igualdade de condicións e con todos os seus dereitos”.