Abel Caballero informou este martes da decisión do goberno de Vigo de volver incrementar, por terceira vez neste ano, os fondos para axudas de emerxencia as familias. Cos 70.000 euros engadidos hoxe, a partida final que destina o Concello ao efecto elévase a preto de 750.000 euros, tras ter incrementado os 445.000 euros iniciais en 200.000 euros en senllos acordos do goberno local de xullo e agosto.
A partida de 2014 tamén tivo que ser aumentada en función da demanda, explicou o rexedor, ano no que o Concello concedeu máis de 3.000 axudas de emerxencia, fundamentalmente para vivenda, alimentación e enerxía. Os fondos para 2015 xa son superiores aos adicados no pasado exercicio.
En declaracións aos medios, o alcalde reiterou que Vigo é a cidade española coa política social máis importante de toda España referíndose a investimentos como os cheques de enerxía, vivenda ou alimentación, as achegas aos comedores sociais, o albergue, as bolsas de comedor, inmersión lingüística, políticas de xuventude e infancia ou Cedro.
Colectivo Os Ninguéns, concentrados na Praza do Rei xunto a membros da Marea de Vigo e BNG.
Pola súa banda, o grupo municipal Marea de Vigo criticou as partidas orzamentarias e sinalou que as luces de Nadal están incluidas como gasto social. O portavoz, Rubén Pérez, asegurou que «imos ser motor da presentación de emendas das persoas e movementos desta cidade» e criticou «a escasez dos orzamentos en políticas de igualdade nun momento de emerxencia, con tres agresións diarias en Vigo». Membros da Marea de Vigo concentráronse na Praza do Rei xunto ao colecitvo Os Ninguéns para demandar a entrega do cheque social.