Para poder acceder a este servizo, os usuarios interesados terán que facer a súa reserva no teléfono 986 207 474, de 9:00 a 14:00 horas ata o 20 de setembro cun máximo de oito persoas por chamada, achegando número de DNI e de telefono de contacto. As rutas partirán da parada de bus do centro comercial A Laxe ás 10:00, 12:00, 16:30 e 18:30 horas.
A través desta iniciativa, os veciños de Vigo terán a oportunidade de coñecer os principais puntos de interese turístico da cidade dunha forma diferente. Durante o percorrido, que dura aproximadamente unha hora e media, os viaxeiros poderán apreciar as fermosas vistas da ría desde o monte do Castro, o miradoiro de Alfonso XII ou as praias de Samil, entre outros lugares.
Bus Histórico e liña C1
Ademais, cómpre lembrar que este sábado 22 de setembro, coincidindo co Día Europeo Sen Coches, Vitrasa tamén sacará á rúa o seu bus histórico ‘O Cometa’, símbolo da compañía pertencente á primeira frota que se presentou en Vigo no ano 1968. O obxectivo é que as viguesas e vigueses poidan coñecer un pouco máis da historia da compañía, conmemorando deste xeito o 50 aniversario da empresa.
O este autobús arrancará do Paseo de Alfonso ás 10.00 horas con saídas cada 30 minutos ata a 14.00 horas e dende as 16.30 ás 20.00 horas (derradeira saída). Os usuarios poderán acceder a el en todas as paradas do seguinte percorrido: Porta do Sol, Policarpo Sanz, García Barbón, Isaac Peral e volta por García Barbón, Porta do Sol e Paseo de Alfonso. A capacidade máxima durante o percorrido será de 20 persoas.
O sábado tamén será gratuíta a liña C1 cos seus horarios habituais. Esta é unha das liñas con máis usuarios -unha media de 3.000 persoas empregan esta liña en sábado-, xa que realiza o seu percorrido por numerosas paradas do centro da cidade.