Para o alcalde, «o voo Vigo -París é un grande obxectivo para a cidade» polo que implica na relación directa entre as dúas cidades, sendo Vigo a urbe na que PSA Peugeot Citroën ten a súa principal factoría e «estaremos expectantes para que esta posibilidade saia adiante».
A perda da ruta diaria con París estivo marcada, para Abel Caballero, pola situación de competencia desleal dun voo dende Santiago e de voos dende Oporto á capital francesa que reciben axudas ilegais. Agora, sinalou, que estamos ante a posiblidade de que restableza a liña, no mes de marzo ou abril, para continuala de forma ininterrompida porque o planteamento de Air France é reabrir o voo Vigo-París non de forma puntual senón a longo prazo.
Abel Caballero amosouse convencido da capacidade de Vigo para xerar transbordos no aeroporto parisino Charles de Gaulle e expresou o seu desexo de que Vigo e París sigan unidos por esta ruta, que dá a opción de voar dende Vigo, a través de París, a calquera cidade do mundo.