Os traballos que se realizarán contan coa preceptiva autorización da Autoridade Portuaria de Vigo, que acollerá tres das mouteiras ao seu paso pola rúa Areal, pola que discorre o Camiño Portugués da Costa na cidade. As 11 restantes correspóndense cos tramos da PO-552 (Estrada de Camposancos) e a PO-325 (Avenida de Ricardo Mella), dependentes da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI). Acompáñase, así mesmo, dos oportunos informes técnicos e xurídicos sobre a actuación.
O obxectivo é facilitar o transito dos peregrinos e evitar a súa perda, algo que sucede con moita frecuencia a día de hoxe malia que o alcalde, Abel Caballero, se comprometeu a actuar para sinalizar o Camiño, a última vez este pasado verán. O de Vigo é o único tramo do Camiño Portugués, interior e da Costa, que permanece sen sinalizar á espera de autorización administrativa municipal desde febreiro de 2018, o que impide completar a actuación.
Este itinerario é o terceiro máis percorrido, pois neste 2019 foi elixido por máis de 20.000 peregrinos, un 63% máis que o pasado ano. O seu impulso medra desde o recoñecemento oficial da Xunta na Lei do Patrimonio Cultural. En total, a Xunta instalou máis de 300 sinais desde os concellos de Tui e A Guarda, puntos de inicio de ambas rutas en Galicia, ata Santiago de Compostela. A actuación contou cun investimento de 1,7 millóns de euros.
Directrices de sinalización
No caso de Vigo, a sinalización que se realizará a partir deste mércores 16 de outubro faise en espazos públicos que non precisan de autorización municipal. O proxecto inicial contemplaba a instalación de 65 mouteiras e 52 unidades de sinalización vertical, un orzamento próximo aos 200.000 euros. Delas, instalaranse agora as 14 autorizadas polo Porto e a AXI. Trátase de elementos que se axustan ás directrices de sinalización da comunidade autónoma, que foron tamén asumidas polo Consello Xacobeo a escala nacional e que están ser referencia para as autoridades portuguesas no seu país.
Ter unha ruta en perfectas condicións e ben sinalizada é clave para a experiencia e a seguridade dos peregrinos, máxime coa vista posta no Xacobeo 21. O trazado do Camiño de Santiago por Vigo está fixado e é coincidente tanto por parte do Concello como por parte da Xunta, estando xa autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.