No encontro, no que tamén estivo tamén presente o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, explicouse que a decisión de impedir o desembarco nas illas foi tomada tras detectar incumprimentos graves por parte das navieiras no mes de agosto e unha vez constado que os apercibimentos e os expedientes sancionadores non deron resultado.
Ademais de responsables de distintos establecementos hostaleiros de Vigo, estiveron directivos da Federación de Hostalería (FEPROHOS) no que están representados a meirande parte dos establecementos hostaleiros da cidade e provincia, da Asociación Provincial de Axencias de Turismo (Avipo) e do Clúster de Turismo de Galicia.
Díaz confesou ser consciente de que se tomou unha medida “drástica e dura que preferiríamos non ter que tomar, pero que veu derivada da irresponsabilidade das empresas á vista de que ningunha das accións previas, en vía administrativa fixo efecto”. “Tiñamos a obriga de preservar unha das nosas xoias patrimoniais, así como a seguridade das persoas, dous obxectivos para nós primordiais”, explicou.
Desde o pasado martes, tense recuperado a normalidade no acceso ao Parque Nacional. Estase cumprindo o cupo de visitantes e non se teñen rexistrado problemas nas xornadas do mércores e o xoves.
Segundo informou a Xunta, os colectivos asistentes á reunión indicaron que non rexistraron cancelacións de habitacións nos hoteis da cidade olívica.
Todas as partes emprazáronse a unha próxima reunión ao longo do mes de setembro para estudar posibles melloras a implantar dentro do novo Plan Reitor do parque que se está a redactar.